jueves. 25.02.2021 |
El tiempo
jueves. 25.02.2021
El tiempo

Un paseo polas letras de Carlos Casares

Os centros educativos conmemoran durante estes días o 17 de maio con festivais, varios convidados ou coñecendo ao autor homenaxeado

As galiñas azuis, as laranxas e outros persoeiros xurdidos do inmenso maxín de Carlos Casares andan a pulular nestes días polos distintos centros educativos da volta, grazas ás múltiples actividades deseñadas nos colexios e nos institutos para conmemorar o Día das Letras Galegas 2017.

Contos, exposicións, obras de teatro, murais ou cantigas sucédense en diversos festivais cos escolares coma protagonistas, algúns xa celebrados e outros que están por vir, xa que moitos dos actos están fixados para esta semana ou a vindeira.

E algúns van un paso máis alá. Por exemplo, en Muras pintaron un mural na praza da vila e no Rosalía de Castro de Pol, coma todos os anos, fixeron unha andaina polo concello, con rumbo ao monte de Monciro. No Ramón Falcón de Castro de Rei apostaron polo kamishibai, no Ceip de Xermade coñecerán máis sobre o traxe tradicional galego da man dunha experta e no Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín tiveron unha busca do tesouro e un intercambio de experiencias cos usuarios do centro de día.

No IES Moncho Valcarce das Pontes crearon ata a súa propia moeda, os ‘casares’, e no tamén instituto pontés Castro da Uz as voces dos alumnos soan este mes na Radio Galega, grazas aos seus audiolibros. E os maios conxugaranse coas letras este venres en Baamonde e no Monseivane vilalbés.

Tamén hai convidados, coma Mini e Mero, que xa visitaron o Lagostelle de Guitiriz e mañá, día 18, estarán en Vilalba, no Insua Bermúdez e na EEI; ou Ricardo Polín, que lle falou ao alumnado dos dous colexios da Pastoriza das árbores históricas chairegas, xusto despois dunha sesión de contos de Fátima Fernández.

Un paseo polas letras de Carlos Casares
Comentarios