Un paseo por la arqueoloxía vilalbesa

ALBA. Roza das Modias: Unha das primeiras paradas da ruta arqueolóxica é nun dos túmulos dos oito que conforman a necrópole de Roza das Modias, cos chantos decorados con liñas onduladas
photo_camera ALBA. Roza das Modias: Unha das primeiras paradas da ruta arqueolóxica é nun dos túmulos dos oito que conforman a necrópole de Roza das Modias, cos chantos decorados con liñas onduladas

Un grupo de preto de 20 persoas participaron nunha ruta arqueolóxica organizada pola Asociación de Amigos do Museo de Vilalba, nun salto no tempo que os levou a coñecer máis de preto a Prehistoria e a Historia Antiga de Vilalba, dende que chegaron a estas terras os primeiros cazadores e se asentaron os primeiros agricultores ata os tempos de abandono das aldeas fortificadas tralo remate do xugo romano.

A visita guiada, realizada da man do director do museo, Eduardo Ramil, e doutros membros da asociación vilalbesa, serviu de máquina do tempo para os viaxeiros, que a través dos elementos visitados saltaron cara adiante e cara atrás na liña do tempo.

A primeira parada foi na parroquia de Alba, na Roza das Modias, o mellor exemplo de arte megalítico do noroeste peninsular, que recentemente foi nomeado Ben de Interese Cultural (BIC).

Alí, a través dun dos oito túmulos que compoñen a necrópole, os viaxeiros retrocederon ó Neolítico. «A particularidade das tumbas de Roza das Modias é que as lousas das cámaras mortuorias están gravadas con motivos de serpes, de ríos... e eso fainas elementos sobresaíntes», explica o guía da visita.

De Alba, e tras facer unha parada no igrexario de Boizán e o seu cemiterio de panteóns neogóticos, os que retrocederon ao pasado avanzaron cara o Castro de Gondaisque, hoxe todavía sen escavar, igual que gran parte dos máis de 30 que existen diseminados polo municipio.

E da época das aldeas fortificadas a visita deu un salto no tempo e chegou á parroquia de Tardade para ver o cruceiro de Lanzán, datado no 1806 e, según os expertos, «o exemplo máis sobresaínte dos cruceiros chairegos, pertencentes ao grupo dos Carboeiras».

Do século XIX, a máquina do tempo voltou cara atrás para levar aos visitantes ao Castro de Codesido -unha estructura simple que alberga no seu interior un manantial e unha pequena igrexa-, e retrocedeu aínda máis para achegalos á Pena Chantada, no Carrizo, en Santaballa.

Este monolito, nomeado igual que a Roza das Modias BIC recentemente, relaciónase co culto ás encrucilladas e os Lares Viais romanos e considérase un antecesor dos cruceiros.

De aí, seguindo en Santaballa, os visitantes coñeceron Pena Grande, un asentamento que serviu de refuxio a grupos de cazadores que habitaban en terras chairegas nun clima moito máis frío que o actual. Baixo o seu cobixo, deixaron moitas pegadas do seu paso por Vilalba.

O punto final da ruta foron as medoñas de Santaballa, que se suman aos preto de douscentos enterramentos tumulares atopados no concello vilalbés.

«En Vilalba hai un patrimonio amplísimo, pero descoñecido para moitos», asegura Eduardo Ramil, que subliña que so coñecen estes elementos os que viven ao seu carón ou moi preto, aínda que algúns non saben o que significan. O contrapunto, afirma, é que algúns son moi coñecidos incluso fora de Galicia.

NOVAS RUTAS. Itinerarios por as serras ou os restos de torres medievais

  • A ruta organizada pola asociación Amigos do Museo de Vilalba é similar á Ruta Arqueolóxica Vilalbesa que oferta o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía da capital chairega dentro do programa educativo para escolares. A iniciativa ten como obxectivo dar a coñecer a comarca en excursións de media xornada nas que natureza e patrimonio artístico e histórico van da man. Dende a asociación, están a barallar organizar outras novas rutas a curto prazo, entre as que destacan diversos itinerarios polas serras do norte do concello, así como outra centrada no pasado medieval de Vilalba, facendo un percorrido polos castelos e restos de torres que todavía se poden ver no concello.

Visitas guiadas

  • Eduardo Ramil, o director do museo vilalbés, é o encargado de facer as visitas guiadas, nunha oferta cultural aberta a todo o público. «Non fai falta saber nada para participar, so ter os ollos ben abertos e os oídos preparados», explica Ramil, que asegura que o primeiro paso é o interés.

Comentarios