jueves. 13.08.2020 |
El tiempo
jueves. 13.08.2020
El tiempo

Un oficio con nuevos desafíos

Un ferreiro, en plena faena. j. vázquez
Un ferreiro, en plena faena. j. vázquez

LOGO DE RECUPERAR nos últimos anos a cultura do ferro como sinal de identidade, coa feira anual que hoxe se reedita como máximo expoñente dese proceso de recuperación da autoestima colectiva, Riotorto enfróntase agora a un desafío se cadra máis complexo, garantir a continuidade dese traballo artesanal dos ferreiros. Esa herdanza precisa dun novo impulso para favorecer que se produza un relevo xeracional, unha tarefa que se presenta complicada pero tamén necesaria.

Riotorto non se concibe sen ese oficio de moldeado do ferro nas forxas, acreditado xa en documentos de finais do século XVI. Un paseo polo concello non deixa dúbidas desa pegada fonda que teñen deixado os ferreiros no municipio. Está moi presente ata na toponimia -un dos núcleos de poboación onde houbo e hai máis presenza deste oficio ten por nome Ferreiravella, como non- e tamén supón unha achega capital ao seu patrimonio.

Nunha completa guía de Riotorto que este ano cumpre unha década de vida, que se converteu nunha ferramenta valiosa ao cubrir un baleiro documental nese eido, o investigador Carlos Varela Aenlle acredita a existencia de arredor de medio centenar de construcións relacionadas coa cultura do ferro só entre Ferreiravella e Espasande de Abaixo. Son na súa maioría moas para afiar que se movían coa forza da agua, pero tamén hai mazos, muíños e centrais. Algunhas destas edificacións foron restauradas nos últimos tempos, conformando unha ruta en cuxa sinalización traballa agora a asociación local Arrincadeira.

Porén, trala época de apoxeo, na que moitas familias vivían do ferro e había que traballar arreo para darlle paso aos pedidos de fouciños para a sega en Castela, na segunda metade do século pasado o oficio foi esmorecendo, pola mecanización de moitos labores do campo e pola incorporación de novos costumes, nun declive que foi parello ao do mundo rural.

Porque pouco queda agora do Riotorto que bosquexaba hai un século ‘El Agricultor’, unha publicación periódica pioneira que espallaba pola bisbarra as doutrinas agraristas dende un municipio cun gran peso da actividade agrogandeira que triplicaba a súa poboación actual. Co paso do tempo, esa realidade foi sucumbindo, como no resto dos concellos rurais, perante a supremacía do mundo urbano. E non foi allea a ese fenómeno a cultura do ferro.

Logo deses tempos de decadencia nos que, paradoxalmente, mentres uns poucos veciños seguían traballando o ferro dun xeito case invisible, outros descubrían o oficio fóra, no mazo dos Teixois, en Taramundi -berce do turismo rural, onde nos anos 80 o Principado promoveu un plan pioneiro de desenvolvemento turístico que despois se estendeu por Asturias e Galicia-, comezáronse a dar os primeiros pasos, xa neste século, para pór en valor ese patrimonio.

Nese proceso, Riotorto tampouco foi alleo a esa tentación das épocas de bonanza de impulsar ambiciosos proxectos descoidando os contidos. Con fondos públicos, hai case unha década restaurouse o Mazo da Fraga, un complexo no que, a mediados do século pasado, chegaran a traballar máis dunha decena de ferreiros, segundo lembra Carlos Varela.

Hoxe en día, en plena recesión económica, este complexo concibido para atraer o turismo, que nunca acabou de despegar -lastrado pola falta de planificación e por ser unha iniciativa illada-, ameaza con converterse na Cidade da Cultura local. Case inoperativo desde este inverno, sen guías e sen medios para dotalo de contido, é preciso buscar unha solución para evitar que a fraga na que se sitúa acabe por devoralo.

Co relevo político no concello, redobrouse esa aposta polo oficio e chegaron novos proxectos ligados ao ferro, coa feira monográfica anual como gran punta de lanza. Os concellos pequenos do rural, afogados polo despoboamento e pola paulatina perda de servizos ante a pasividade da administración, necesitan certas doses de optimismo, e Riotorto atopouno no tirón que supón esa feira, que malia algunha eiva -non acabou de limar as diferenzas dun gremio tradicionalmente desunido- foi quen de recuperar a marca ‘ferreiros de Riotorto’ e de darlle visibilidade.

Logo desa necesaria recuperación da autoestima, agora toca insistir nese seguinte paso, conseguir que alguén colla o relevo nas forxas, onde apenas quedan arredor dunha ducia de artesáns.

Non é un reto doado e dan boa proba desa dificultade iniciativas cercanas no tempo, impulsadas por Concello e Deputación, que non acaban de cristalizar, como os obradoiros para formar no oficio a xente nova, que non se traduciron en novas incorporacións, ou o proxecto de creación dunha cooperativa de ferreiros, que non acaba de xermolar.

Un dos principais atrancos para ese relevo, ademais das duras condicións de traballo nas forxas, é que ese esforzo non se traduce nunha rendibilidade económica. Un escenario cuns prezos conxelados dende hai máis dunha década pero cuns custos crecentes non infunde ánimos. Tamén xoga na súa contra o contexto económico actual, en donde cada vez é máis difícil sumar apoios ao pecharse a billa dos fondos públicos.

Con todo, é necesario perseverar nese intento de achegar xente nova ao oficio, deixar atrás esa desunión entre os ferreiros -que levou a que, por uns anos, Riotorto tivese dúas feiras que se daban as costas- e, con eses novos folgos, explorar como colectivo novas fórmulas que conxuguen o aproveitamento dese potencial turístico, necesario pero insuficiente, coa busca dunha rendibilidade nesta actividade.

É preciso profundar en alternativas como a diversificación da produción -centrada agora nos fouciños-, a procura de novas canles de comercialización ou o aproveitamento das novas ferramentas tecnolóxicas, superando vellas reticencias. E para iso é necesaria a iniciativa privada, pero tamén o apoio da administración, que ten a obriga de reducir esa fenda aberta entre a Galicia rural e a urbana que contribuíu a crear.

Un oficio con nuevos desafíos
Comentarios