Un nuevo compromiso con la lengua de LV

Unha repartidora entrega un exemplar de LV a unha viandante en Santiago nunha imaxe de arquivo. (Foto: AGN)
photo_camera Unha repartidora entrega un exemplar de LV a unha viandante en Santiago nunha imaxe de arquivo. (Foto: AGN)

O semanario De Luns a Venres (LV), que edita o Grupo El Progreso, forma parte da Asociación de Medios en Galego, que reúne dez cabeceiras que informan no idioma do país. O colectivo busca afortalar a proposta informativa, un espazo de comunicación na lingua propia ou contribuír á súa profesionalización.

A maiores de De Luns a Venres, integran a asociación Tempos Novos, Novas da Galiza, Galicia Confidencial, Que Pasa na Costa, Xornal Certo, Radiofusión, Praza Pública, O Compás e Valminor.info. Outros, como Sermos Galiza, amosaron a súa intención de integrarse.

A proposta está aberta a todos os medios editados en galego e ten a súa orixe na experiencia Vitaminas para o Galego, unha iniciativa impulsada o pasado ano que desenvolveu varios eventos xornalísticos e culturais en defensa do noso idioma.

Os obxectivos da Asociación de Medios en Galego son defender os intereses dos seus membros favorecendo o afortalamento dos medios de comunicación en galego. Tamén buscan contribuír ao proceso de asentamento da información xeral na lingua propia de Galicia, así como o fomento da presenza súa pública, tanto individual como conxunta.

Esta asociación tamén contribuirá a que as empresas se doten de estruturas sólidas que garantan a proxección de cada medio conseguindo a independencia económica e representará o sector diante das administracións.

Outra finalidade é debater os temas de interese común e asesorar as entidades produtoras integradas para facer fronte os problemas profesionais, promover iniciativas lexislativas e administrativas que beneficien ao sector. Ademais, desenvolverá accións, eventos e campañas de sensibilización tendentes a visibilizar na sociedade a existencia dos medios de comunicación en galego, intercambiará coñecementos e información e tamén promoverá proxectos comúns e contribuirá ao proceso denormalización lingüística.

Poden ser socios as persoas físicas ou xurídicas cuxa actividade principal sexa a produción e tratamento de información, calquera que sexa o seu soporte, e que utilicen o galego, teñan unha periodicidade máxima dun mes e máis do 70% da súa extensión ou tempo de emisión estean dedicadas a contidos non publicitarios.

Comentarios