Un musical sobre Abba, no Auditorio de Lugo

'The world of Abba’, que fai un percorrido polas cancións do mundialmente coñecido cuarteto sueco, chegou aos escenarios lugueses da man dunha compañía formada por trinta artistas, vinte e dous en escena e oito en ‘cover’, aos que hai que sumar un equipo técnico de seis especialistas.

Os intérpretes, o mesmo que os bailaríns, foron seleccionados mediante un amplo cásting ao que se presentaron máis de 2.500 persoas.

A primeira voz solista é a de Eva María Miguel Manjón, e como primeira bailarina e coreógrafa está Oriette de la Peña, tamén primeira bailarina do musical ‘Hoy no me puedo levantar’. A música en directo conta cos arranxos e a dirección do afamado músico Jules Fifher.

Os medios técnicos audiovisuais e de iluminación corren a cargo de Joe Ripio, responsable de espectáculos en casinos de Las Vegas, Río ou París. Nesta ocasión, o vestiario foi realizado polo afamado deseñador francés Pierre Le Granje, habitual nas grandes producións musicais europeas.

Gustavo Freire
O espectáculo, que chegou ao auditorio Gustavo Freire este domingo en dobre función, 20.00 e 22.30 horas, xa percorreu gran parte de España cun enorme éxito: Coliseum de A Coruña, teatro Caja Burgos, Palacio de Congresos de Tarragona, Teatro Principal de Alicante, Auditorio Víctor Villegas de Murcia, Palacio de Congresos de Sevilla, Auditorio de Mérida, Palacio de Festivales de Cantabria, Auditorio Kursaal de San Sebastián, Buesa Arena en Vitoria ou o Auditorio de Zaragoza.

As entradas para poder ver o espectáculo musical en Lugo puideron adquirirse a través de Caixanova cuns prezos de 20, 22 ou 24 euros. Aínda que tamén estiveron dispoñibles en taquilla.

Comentarios