Un mundo varado na crise

Nun escenario aínda dominado pola crise, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional aborda no seu Annual Report, que se pode ler completo en http://www.igadi.org/web/sites/all/arquivos/igadi_annual_report_20122013.pdf, as claves dos principais acontecementos do 2012 e adianta as perspectivas e tendencias do 2013.

Os vaticinios para o ano entrante non poden obviar a persistencia da crise económica global, fenómeno de gran calado que paseniñamente está a acelerar a transformación da realidade xeoestratéxica mundial, acentuando as transferencias de poder e a irrupción de novos equilibrios.

En efecto, no económico, o ano 2013 será continuidade do precedente, con melloras quizais apenas perceptibles: os países ricos e desenvolvidos seguirán inmersos no estancamento ou case; os países emerxentes, pola contra, poden experimentar novos avances que repercutirán nun reducido alivio das cifras do crecemento global pero sen introducir ao cabo variacións de alcance. En paralelo, a activación de novos fluxos de relación circundando ao mundo desenvolvido, entre países de América Latina e Asia, de África ao Medio Oriente, etcétera, irán conformando unha realidade nova, con dinámicas xenuínas que tarde ou cedo trasladarán o seu impacto ás reticentes e anquilosadas estruturas do sistema económico e financeiro global obrigando a unha actualización das correlacións de forzas. Así mesmo, o incremento das medidas de proteccionismo comercial e económico poderían ter como efecto inmediato unha aceleración dos procesos de integración económica a nivel rexional nos espazos do mundo en desenvolvemento.

O XADREZ IRANIANO

¿Conflitos armados? Á espera dun desenlace, que podería estar próximo, da crise siria, os focos privilexiados de conflito nos remiten especialmente á África do Oeste, coa guerra en curso pola liberación do Norte de Malí dos seus ocupantes con visos de recuperar a integridade territorial da república.

A segunda fronte, habitualmente máis acompañada, apunta novamente cara Oriente Medio, onde a tensión entre Irán e a alianza Estados Unidos-Israel, empeñados a toda costa en impedir que a república islámica se converta na décima potencia nuclear, aventura un segundo semestre ateigado de perigos. O primeiro dos conflitos indicados achéganos un escenario convulso pero limitado a un entorno rexionalmente ben acoutado. O segundo, pola contra, podería ter consecuencias importantes no mercado do petróleo e sobre o prezo do barril de cru, alén de activar as tensións estratéxicas entre os principais actores do sistema global.

Un terceiro escenario, máis comedido, apunta a AsiaPacífico, con China no epicentro das tensións con Xapón e varios dos países da Asean (Asociación de Nacións do Sueste Asiático, siglas en inglés) por mor dos diferendos territoriais nos mares de China oriental e meridional. O novo liderado chinés, con Xi Jinping á fronte, podería verse tentado de promover xestos dunha maior contundencia para reafirmarse no poder e calibrar a envergadura do compromiso de Washington coas reivindicacións doutros países da zona que agora erguen a súa voz con máis empeño. O aumento das rivalidades entre China e Xapón e tamén con Filipinas ou Vietnam poderían igualmente moderarse dando impulso aos procesos de in

tegración económica, unha prioridade para todos os países da zona. Esa táctica, a privilexiada por China ata o momento, seica impera á vista do inicio formal de negociacións sobre unha zona libre de comercio en Asia oriental cunha primeira rolda de encontros que se iniciaron en xaneiro e coa probable realización dun cumio sinoxaponés para limar as discrepancias e retomar a senda do diálogo.

Habería que atopar medios e vías para asegurar rumbos seguros de paz e diálogo. Na evolución do máis delicado dos conflitos indicados, o de Irán, podería influír a saída de escena de Mahmud Ahmadinejad que en xuño próximo concluirá o seu segundo e derradeiro mandato, abrindo camiño a unha nova negociación sobre os dereitos e deberes de Irán en materia nuclear e sobre o lugar de Teherán nos esquemas de seguridade dunha rexión que reclama solucións para contenciosos interminables como o palestino que o pasado 29 de novembro recibiu o inequívoco respaldo da Onu para establecer un capitulo novo nese longo camiño iniciado hai sesenta e cinco anos cando outra ONU, moito máis reducida -apenas 57 membros fronte aos 193 actuais instituíu a partición de Palestina en dous estados. Tel Aviv ten a palabra, se ben acostuma a falar con políticas de feitos consumados que afastan a posibilidade de lograr acordos.

SEGUNDAS OPORTUNIDADES E NOVOS LIDERADOS

Segundas oportunidades (de Estados Unidos a Venezuela) e novos liderados (de México a Corea do Sur) vaticinan novas estratexias nacionais en actores significativos do escenario global. O presidente Obama terá no seu segundo mandato a ocasión de encarar asuntos pendentes, tanto internos como externos. ¿Atreverase a abrir un novo capitulo con Cuba? Pola contra, Peña Nieto simboliza o regreso dun PRI (Partido Revolucionario Institucional) que esperta enormes desconfianzas en amplos sectores da sociedade mexicana. Shinzo Abe, en Tokio, debe encarar a difícil normalización das relacións co xigante chinés. No norte de África, a evolución de Exipto será determinante para completar o diagnóstico da Primavera árabe e testar a conciliación entre democracia e islamismo.

¿E Europa? A amalgama de tensións acumuladas como consecuencia da estratexia deseñada en Bruxelas para saír da crise, apostando sen ambaxes polo sacrificio dun dos seus sinais de identidade mais prezados, o Estado de benestar, augura desencontros importantes coa Alemaña de Ánxela Merkel, principal baluarte dunhas políticas de austeridade que elevan as cifras da pobreza, o desemprego e o desasosego ata niveis críticos.

Coa UE pendente de si mesma, a relación Estados UnidosChina gañará dimensión global. A competición entre Washington e Pequín afondará os inevitables conflitos de intereses a pesar da paralela importancia dos seus vínculos económicos e o esforzo por sinalar áreas comúns que amortezan a natural pugna entre a potencia establecida, pero en declive, e a ascendente.

A POBREZA, Á SÚA SORTE

Ás portas de 2015, os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, concibidos pola ONU en 2000 para propiciar un salto elemental en indicadores básicos da calidade de vida dos millóns de persoas menos favorecidas, están mais caídos no esquecemento ca nunca. Fóra de axenda, cun G20 instalado na preocupación polo saneamento do sistema financeiro global pero sen arbitrar medidas serias contra paraísos fiscais que seguen gozando dunha excelente saúde ata en Europa, os números gañan importancia fronte as persoas. Semellante tendencia, lonxe de reiterar a ausencia de opcións fronte ao estado e rumbo actual, activará as vagas de contestación en busca dun novo horizonte. Falta fai.

Comentarios