Un mundo por descubrir

Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo’. Son palabras de Vicente Risco que poderá corro- borar quen a percorra seguindo todos os rumbos da rosa dos ventos. Os continuos achados que o ourensán da Xeración Nós tamén prometía, mesmo o visitar lugares xa coñecidos, son recompensa certa para quen se impón a grata tarefa de saber cadora máis da terra en que moramos.

Hai poucos días pasmei (non atopo palabra máis exacta) diante do gótico serodio de Moraime, a tres quilómetros de Muxía. É unha igrexa que pertenceu a un mosteiro beneditino alí emprazado. Outro tanto me aconteceu hai algúns anos coa reitoral de Barcia de Mera, en Covelo, por terras da Paradanta. Son só dous exemplos, pero podería citar centos porque non me estou a referir os grandes mosteiros de Galiza, máis ou menos coñecidos e publicitados, senón a esas pequenas xoias que se nos aparecen, igual que unha miraxe no deserto, en calquera volta do camiño. Aínda así, non resistirei a tentación de nomear a igrexa de mármore do Hospital do Incio, polo que ten de arte e polo que ten de miña.

E se falarmos de paisaxes, tamén o repertorio de lugares asombrosos tende o infinito, alén do Monte Pindo, a Praia das Catedrais ou o Parque das Illas Atlánticas, por non ser tampouco exhaustiva enumerando as nosas máis coñecidas belezas naturais.

Imaxinan unha verdadeira posta en valor de ambos patrimonios, o arquitectónico e o natural, de cara a un turismo de calidade? Imaxinan aderezalos con achegas á nosa cultura inmaterial (música, festas, usos, gastronomía ...) e, por certo, na nosa lingua. Non lles parece que podería ser unha boa mestura para os que buscan algo verdadeiramente diferente, alén de orxías, touradas e comida-lixo, a ser, asemade, un motor económico?

Non son poucas as casas de turismo rural espalladas por todo o país. Elas constitúen a estrutura hostaleira máis axeitada a este tipo de intereses. Só é preciso un apoio decidido e unhas pingas máis de imaxinación por parte dos que teñen competencias neste eido. E tamén supervisión, non digo que con ánimo punitivo, para que non se cometan os atentados contra a arte e a paisaxe que proliferan por toda a parte. Porque non é raro ver vilas magnificamente emprazadas, que terían que ser fermosas de seu, estragadas por unha construción anárquica e horrorosa. Nin monumentos ‘enriquecidos’ con uralitas ou outros materiais alleos a toda conveniencia estética.

En todo caso, agora que é verán, convido a quen puider a bulir no coñecemento do noso país. Cómpre tempo xa que, tamén son palabras de Risco, ''se o teu pensar é fondo, a túa Terra para ti non terá cabo''.

Comentarios