Un monte de posibilidades

Corta de madeira nun monte de Lugo, unha das saídas do sector.
photo_camera Corta de madeira nun monte de Lugo, unha das saídas do sector.

Grao en Enxeñaría Forestal e do medio natural ? A Escola Politécnica Superior oferta este título, orientado ao traballo no eido foretal, un sector amplo que se desenvolve arredor dos montes e da madeira nas súas múltiples posibilidades e que representa unha parte importante da actividade económica galega.

O grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural entronca coas enxeñarías técnica e superior no eido forestal que a Escola Politécnica de Lugo vén ofrecendo dende hai máis de dúas décadas. O grao, orientado en catro cursos, cun total de 240 créditos, outorga as competencias profesionais dos actuais enxeñeiros técnicos forestais. Para acceder ás competencias dos enxeñeiros de Montes, será necesario cursar un máster que a Politécnica ofrecerá nun futuro próximo.

O grao, para o que se estipulan oitenta prazas de ingreso, está orientado a formar técnicos que traballen no sector forestal, que ten un peso importante en Galicia e no resto de España, coa misión «de defender e aproveitar de forma sostible, atendendo a criterios ambientais, sociais e económicos, os diferentes produtos e servicios que son capaces de xerar os montes galegos, así como optimizar a súa transformación e uso racional», indica a memoria do título.

O sector forestal en España ten unha importancia relevante. A superficie de vocación forestal ascende a preto de 26 millóns de hectáreas, o que representa prácticamente o 50% da superficie total nacional. En canto á produción de madeira, alcanza un 8% da zona euro e un 4,3% da Unión Europea. En 2002 foi o octavo país europeo en produción de madeira en rollo (4% do total) e o séptimo en papel e cartón (5,5% do total). Con respecto á industria forestal, España ocupa o cuarto lugar en Europa en canto a valor engadido bruto do sector, tras Francia, Finlandia e Suecia.

Neste contexto, Galicia ten unha posición privilexiada. Está á cabeza das comunidades autónomas españolas en canto á porcentaxe de superficie forestal -representa un 11,3% do total forestal español-. Así, Galicia, xunto co resto da Cornixa Cantábrica e o norte de Portugal, representa a zona forestalmente máis produtiva de todo o continente europeo. Anualmente córtase como media na comunidade autónoma un 50% do total da madeira que se corta en España. A importancia estratéxica do sector forestal galego increméntase se considera que a madeira é o terceiro produto máis deficitario e que máis se importa na Unión Europa, despois do petróleo e o gas.

A nivel rexional, estímase que o sector forestal representa algo máis do 4% do produto interior bruto total de Galicia e proporciona emprego directo a cerca de 40.000 persoas. A primeira transformación de madeira aglutina o 43% da produción nacional de madeira aserrada; un 33% da madeira industrial e un 35% da pasta de papel, mentres que a industria galega do moble alcanza un 15% do total nacional, segundo datos de 2008.

Emprego

As actividades profesionais que desenvolven os enxeñeiros e enxeñeiros técnicos forestais en maior medida inclúe consultorías, construción e instalacións; o medio ambiente e a seguridade e a saúde. A administración pública e as empresas de suministros e servicios tamén ocupan un lugar preeminente nos sectores de ocupación, seguido das empresas de suministros e servizos. Os tres perfís profesionais máis recurrentes nestas dúas titulacións son os proxectos e consultorías, a silvicultura, ordenación de montes e piscicultura e protección e incendios forestais.

Ademais, segundo se recolle na memoria do título, a demanda no sector público medrou progresivamente na década pasada, indica un estudo de 2009. Segundo apuntaba, no subsector de Silvicultura e Explotacións Forestais, o número de afiliados á Seguridade Social incrementárase nun 8,9 % con respecto a 2007, e no sector da industria do papel o descenso de afiliados (3,2%) era inferior á media no sector industrial, do 7%.

Historia dos estudos

A ciencia forestal naceu no século XVIII en Centroeuropa pola necesidade de asegurar de forma permanente o abastecemento de madeira e leña ante a súa crecente demanda, e tamén polas evidencias de escaseza destes produtos en moitos montes que non estaban sendo explotados de xeito organizado ou planificado.

En España tamén se plantexaban estas mesmas cuestións, por iso en 1848 comenzaron a impartirse clases na Escola Especial de Montes de Villaviciosa de Odón (Madrid) para formar profesionais na defensa e xestión do rico patrimonio forestal e natural español. En 1853 creouse o Corpo de Enxeñeiros de Montes.

A escola trasladaríase despois a El Escorial en 1870 e en 1914 pasou a Madrid. En 1945 ubicouse na actual Cidade Universitaria e pasou a denominarse Escola Técnica Superior de enxeñeiros de Montes. Así, a carreira de Enxeñeiro de Montes en España só se puido estudar en Madrid ata os anos 90 do século pasado, cando se implantou noutras seis escolas, entre elas a de Lugo, ademais das de Córdoba, Lleida, Palencia, Valencia e Ávila.

Ao mesmo tempo, no 1862 creábase a figura do axudante de montes como persoal auxiliar de apoio a todas as labores dos Enxeñeiros de Montes, pero sen estudos específicos, que irá evolucionando. En 1903 créase o Corpo Auxiliar de Facultativos de Montes e o procedemento de selección para ingresar nel. En 1957, creouse o título universitario de Perito de Montes e a Escola de Peritos de Montes de Madrid. Finalmente, tras a Lei de Reordenación das Ensinanzas Técnicas de Grao Medio, en 1964 aparece a denominación de enxeñeiro técnico forestal e creáronse centros noutros puntos de España onde se impartiu esta titulación, incluíndo unha ou dúas especialidades posibles: Explotacións e Industrias Forestais.

Na Escola Politécnica de Lugo implántanse a especialidade de Explotacións a principios dos anos 1990, pero o novo grao cubre agora as dúas.

Profesorado

A Escola Politécnica conta con 53 profesores para impartir o grao, aínda que non están adscritos exclusivamente a esta titulación. Entre eles, hai un catedrático de universidade; 22 titulares; un catedrático de escola universitaria; sete titulares de escola universitaria; cinco contratados doutores; un axudante doutor; dous colaboradores; e oito asociados de universidade.

PERFIL

  • Rama científico-tecnolóxica. Aínda que non se precisa formación previa específica para o ingreso no grao, é recomendable ter cursado a rama de Ciencia e Tecnoloxía. Ademais, recoméndase que o alumno teña certas cualidades.
  • Cualidades. O perfil do estudante de Enxeñaría Forestal debería incluir curiosidade intelectual, hábito de lectura, capacidade analítica, crítica e de aplicar fundamentos para a resolución de problemas; constancia e responsabilidade no traballo, capacidade para o traballo en equipo e para usar o tempo de maneira efectiva; competencia en expresión oral e escrita; competencia lingüística en inglés, ademais de en castelán e en galego; competencia en ferramentas informáticas básicas e coñecementos básicos de Debuxo Técnico, Química, Bioloxía e Xeoloxía a nivel bacharelato.

RECURSOS

120 prazas de prácticas

A Escola Politécnica Superior ten convenios con máis de trescentas entidades para que os seus alumnos poidan facer prácticas. No caso do grao que substitúe á Enxeñaría Técnica Forestal, ofértanse 120 prazas para coller experiencia na práctica real.

Estadías

A EPS ofrece tamén amplas posibilidades para facer unha estadía no estranxeiro. Conta con convenios con varias universidades portuguesas, italianas, alemás, francesas, checas, belgas, húngaras, polacas, finesas, gregas, maltesas, canadenses, cubanas, brasileñas, mexicanas, uruguais ou chilenas, entre outras. Participa dos programas Erasmus e Sócrates, entre outros, ademais do Erasmus Mundus, pensado para que os titulados fagan prácticas en empresas ou entidades do estranxeiro.

Comentarios