Un misterio ovalado

Sandwich Caprese con ovo (Foto: AEP)
photo_camera Sandwich Caprese con ovo (Foto: AEP)

Cada vez que vou a Barcelona visito o mercado de La Boqueria, unha praza cuberta realizada en ferro en 1914 en Las Ramblas nun espazo de venda hortelá dende 1836. Nunca merco nada dentro, porque é todo tan belo e aseado que me dá a sensación de ir comer o ‘David’ de Michelangelo ou algo así de natureza caníbal. E comer é un acto reversible, mesmo comer beleza.

Con todo, fago un demorado percorrido por cada corredor que separa as ringleiras de postos. Na última volta, hai quince días, acordei a confianza nos ovos da miña nai. Apostaba por eles cada noite coa seguridade de que lle permitía homoxeneizar un menú do lusco fusco para os seus cinco fillos. Cada un coa súa sensibilidade e as súas preferencias de padal, pero cun consenso harmonioso arredor do ovo fritido, a tortilla de patacas ou a tortilla francesa. Os ovos revoltos, cocidos ou pasados por agua, non lle chistaban igual. A miña nai, que percibe o comer coma capricho prescindible que lle concedíamos ao corpo, refuxiábase na xema e a clara para vivir noites mansas.

Os ovos que usaba eran de pita, que aínda entraban na casa con plumas e praquiñas pardas -reliquias de actos noxentos- apegadas na casca, coma se fosen unhas xoias salvadas nun derrube. Procedían do mercado, aínda que a posta en escea da señoras que vendían na praza ribadense atendía unicamente a que as cascas non presentasen fendas.

Porén, a sofisticación marca pautas de comportamiento en La Boqueria, polo que ningunha desas pegadas á orixe do produto pode rastrexarse nas cascas. No mercado barcelonés hai un par de postos consagrados a esas formas ovoides. Contan con expositores de dous metros por dous metros que se inclinan marcadamente cara ao comprador. Sobre un leito de palla repousan cestas de diversos tamaños adaptadas aos ovos que acollen: sexan os cativiños de codorniz, os medianos de galiña, -que se agrandan un chisco no caso dos patos- e se coroan en tamaño no reinado da avestruz, tendentes a ser esféricos.

Eses últimos provocan a sensación de ‘Parque Jurásico’, de que, no momento máis calmo, o ovo vai empezar a axitarse e abrirse en fendas para que agrome un tiranosaurius con fame de comerse o mundo. Disque na mesa poden dar para catro comensais de peso medio. A metade deles deberán arremangarse para poder abrir o ovo porque un ten que termar del e o outro chantarlle un cincel no que petará cun martillo. O sabor aseméllase aos que poñen as pitas.

Dende logo, sinto menos reparo por eses ca polos das gaivotas, que ingleses e noregueses consumen con axitada actividade salibaria.

Os ovos de codorniz pasan, xunto cos de pato, por delicatessen, aínda que nunca dubido en cedelos aos nenos, porque a súa cualidade é máis de curiosidade ca de sabor. Un ovo que non se pode mollar a eito cun anaco de pan perde toda a súa prestancia.

vía oral

Comentarios