Un libro recopila datos sobre a vida de Manuel Becerra e Crecente Vega

Manuel Vila e Xosé Antón Pombo levaron a cabo o proxecto, xurdido do interese do primeiro pola historia dos dous personaxes
Os autores, xunto ao alcalde de Castro de Rei, na presentación do libro
photo_camera Os autores, xunto ao alcalde de Castro de Rei, na presentación do libro

Manuel Vila, veciño de Muimenta, e o vilalbés Xosé Antón Pombo acaban de publicar o libro ‘Dous fillos da Ponte de Outeiro: Manuel Becerra e Crecente Vega’, que recolle a vida e a obra do político e o poeta.

O proxecto rondaba na mente de Vila dende que, cando era cativo, escoitara que na parroquia veciña, Ponte de Outeiro, nacera un ministro. Coa curiosidade propia da nenez, pensou «como alguén de orixe humilde podería chegar ata eses cargos». E anos despois interesouse pola obra de Crecente Vega -nado no mesmo lugar que Becerra-, e foron unha serie de artigos escritos polo xornalista Luis Rodríguez os que lle deron o impulso para comezar o estudo sobre os dous personaxes.

Para elo, contou coa axuda de Xosé Antón Pombo, co que rematou unha obra que repasa a vida dos dous personaxes, «cunha intención divulgativa», buscando «que non se esquezan unhas figuras tan importantes».

Manuel Becerra y Bermúdez naceu en Castro de Rei no ano 1820, máis concretamente na Ponte de Outeiro, e foi un matemático e político español, ministro ata en sete ocasións.

Conta Vila que Becerra «tivo un papel vital na política española», e pon como exemplo a «loita polo sufraxio universal, a liberdade de imprenta, de traballo e a gratuidade, universalidade e obriga do ensino primario». E considera que foi o «impulsor de que a educación física fora unha asignatura». De feito, foi declarado «Padre da Ximnástica Española».

Pombo, pola súa parte, explica que «a través da traxectoria política de Becerra, apréndese historia de España», pero a pesar destes logros di que «non é alguén moi estudado». No caso de Crecente Vega, nado en 1896, é «máis sinxelo» atopar información. Pese a ter publicado un único libro en vida, Ricardo Polín reeditou gran parte da súa obra en 2002 coa Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Nun intento de «deixar un proxecto divulgativo ás xeracións futuras», Vila e Pombo presentan o proxecto, aínda que no eido de recollida de datos, os autores tiveron unha «ardua tarefa» por diante, pero os recortes de xornais daqueles anos foron «a mellor axuda».

Comentarios