Domingo. 23.09.2018 |
El tiempo
Domingo. 23.09.2018
El tiempo

Un labirinto para non esquecer

Os lugueses Leticia Álvarez Fernández, de Chantada, e Pablo Rodríguez Regueiro, de Castro de Rei, uniron forzas e coñecementos para deseñar ‘O parque do olvido’, un dos dez proxectos inspirados na temática Os Xardíns da Memoria que compiten polo favor do público no VIII Festival Internacional de Xardíns de Allariz

Chámase ‘'O parque do olvido'’, pero para os seus creadores é unha experiencia difícil de esquecer. O enxeñeiro técnico agrícola Pablo Rodríguez, natural de Prevesos, en Castro de Rei, e a neuróloga Leticia Álvarez, chantadesa afincada en Lugo por motivos laborais, propuxéronse un reto ilusionante, presentar un proxecto ao VIII Festival Internacional de Xardíns de Allariz, aínda que os dous considerasen que era unha meta complicada de acadar.

Difícil, porque era a súa primeira vez e porque o xurado encargado de facer a selección de finalistas recibe cada ano ao redor de medio cento de propostas, pero non imposible. O seu é hoxe un dos doce xardíns -dez en competición, xunto ao gañador do ano pasado e a un feito por escolares- que se poden ver ata finais de outubro no Paseo Portovello de Allariz.

«Foi unha sorpresa, eu non contaba, era bonito participar, pero de aí a ser os elixidos...», explica Pablo sobre a súa inclusión nun certame cuxa existencia descubriu hai un par de anos, aínda que «daquela non dei creado algo que me gustase». Porén, a temática deste ano, Os Xardíns da Memoria, fíxoo pensar en Leticia.

A súa creación está estrutura con ringleiras de madeira que forman un túnel, un labirinto que se vai abrindo aos espazos da cor, aromático e do sabor

«Foi Pablo quen viu o concurso e quen me propuxo participar», confirma ela, que engade que o proxecto «xorde como algo inesperado, dun interese común no gusto pola natureza e por visitar parques e xardíns».

«Que a temática fose Os Xardíns da Memoria avivou, como neuróloga, as miñas ganas de participar», asegura Ledicia, que fala de «ilusión» e tamén da «satisfacción de cumprir un pequeno soño», ao ver o seu deseño feito realidade á beira do río Arnoia. «Non só estás transmitindo e compartindo a túa idea, senón facendo posible que se acheguen a ela, que a palpen», di, agradecendo a existencia dun certame «que valora e aposta pola natureza e polos espazos verdes».

As súas conversas sobre a memoria deron pé a «ideas interesantes», segundo lembra Pablo: «Vimos que era un tema bastante complexo, e pensamos nun labirinto que entrelazase diferentes áreas».

«Está estruturado con filas de madeira que forman un túnel simulando a pequena escala o que sería un circuíto da memoria», concreta Leticia, que explica que o túnel se vai abrindo a varios espazos «o da Cor, o Aromático e o do Sabor, onde a persoa percibiría esas sensacións segundo as plantas que crecen en cada un deles».

«Baséase en como un recordo xa creado se pode evocar e facerse vivido a través de sabores, cores ou olores, potenciándose e impedindo o seu olvido», precisa sobre un deseño cuxa parte técnica e selección de plantas foi labor de Pablo: «Buscamos vexetación autóctona para que a xente a recoñecese».

«Eu axudei coa idea e co deseño, pero do traballo duro encargouse él», bromea Leticia, que destaca que o obxectivo foi «crear un espazo no que gustase estar, que gustase percorrer e que a través desas sensacións, ás veces case inconscientes, non se quixese olvidar».

Os doce xardíns inauguraronse nun acto oficial, coa presenza dos responsables das distintas creacións, unha experiencia inesquecible para os lugueses, que non dubidan á hora de afirmar que lles gustaría volver participar no futuro.

Os xardíns da oitava edición do certame pódense visitar ata finais de outubro no Paseo Portovello de Allariz

«Espero que Pablo volva facer algo, porque ten moito potencial», asegura Leticia, mentres o seu compañeiro, que traballa na empresa de enxeñería agroforestal Xestega de Paradela, confirma o seu gusto pola creación de espazos verdes: «É un mundo que me interesa bastante, gustaríame participar en máis concursos e que saíse algún proxecto real de deseño paisaxístico».

«Foi emocionante velo feito», engade Pablo sobre un proxecto que se remonta a hai case un ano, xa que os bosquexos tiñan que presentarse antes de novembro de 2016. Unha vez elixida a súa proposta polo xurado, o propio Concello de Allariz se encarga da montaxe de cada un dos deseños, en contacto cos autores para facer os axustes necesarios á hora de levar o papel á terra.

En maio inaugurouse esta nova edición, cuxos doce xardíns ocupan uns 20.000 metros cadrados. O público será, cos seus votos, quen designe a composición gañadora, que se manterá exposta no 2018.

Os xardíns pódense visitar durante o verán en horario de mañá e tarde, de 11.30 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas. Os veciños de Allariz e os nenos menores de doce anos entran gratis, mentres que os pensionitas e xubilados e os grupos de máis de dez persoas deben aboar un euro. A entrada para o público xeral é de dous euros.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (Fixa) acada este ano a súa oitava edición, cuns números de vertixe. Leva recibidas preto de 200.000 visitas e máis de 2.000 creadores asinan as propostas chegadas neste tempo dende unha vintena de países. Este ano, dous equipos galegos se miden con deseños chegados dende Madrid, Italia, Brasil, República Checa, Austria, Polonia ou México.

Un labirinto para non esquecer
Comentarios