jueves. 01.10.2020 |
El tiempo
jueves. 01.10.2020
El tiempo

Un guante pequeno para O. J. Simpson

Os premios Emmy galardoaron un documental sobre un heroe a quen os celos converteron nun asasino que seica non asasinou

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

HAI NOITES NAS que Nemesio pon en silencio o fútbol televisado para encher o aire a café denso do Cantón cun aroma musical: Verdi, Wagner, Rossini,... o que lle pete para a timba operística. Gústame ir a esa cafetería ribadense pese a que o Times Literary Supplement (TLS) sempre estea ocupado e deba conformarme con ese prato de microondas que é a prensa deportiva. O martes acordei do exemplar do TLS que lera a pasada fin de semana no Cantón.

Falaba de O. J. Simpson, a antiga estrela de fútbol americano que foi acusado de asasinar á súa exesposa e a un noivo desta en 1994. Na vista xudicial, o acusado houbo de probarse o guante con que se cometera o crime, pero non lle servía. A acusación fixo ver que a luva encollera ao secar. O xurado estaba convencido de que O.J. Simpson matara á exmuller, pero acabou confundido polos argumentos dos avogados da finada.

A maiores, houbo quen denunciou que a resolución tivera a influencia dos temores que había en Los Angeles a que a culpabilidade dun negro matando unha branca provocase un estourido racial. A Policía aínda se doía das revoltas raciais na cidade de 1992, tres anos antes.

O. J. Simpson foi condeado por outros delictos e acabou nun cárcere de Nevada. O TLS puxo á crítica Marjorie Perloff (Viena, 1931) a escribir sobre The People vs. O.J. Simpson (O Pobo contra O. J. Simpson), un documental sobre o exdeportista que forma parte do serial American Crime History (Historia do crime nos Estados Unidos).

O luns esa peza foi premiada cun Emmy. Lembrei do paralelismo que Marjorie Perloff establece entre O. J. Simpson e o Otelo de Shakespeare. Simpson é afroamericano, Otelo é árabe. O personaxe de Shakespeare mata á súa muller por celos e o exfutbolista tamén, pero non é un criminal porque foi considerado culpable /inocente, un 'gato de Shrödinger' do crime.

O martes seguín falando de cinema. Entrevistei a Oliver Laxe, gañador do premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes pola película Mimosas. O título soábame de algo, pero non sei de que. Quedamos nunha terraza. Puxen unha libreta ancha e azul sobre a mesa vernizada de escuro. Laxe miroume sorprendido. "E a gravadora?". "Gay Talese e máis eu somos os últimos da profesión que non usamos gravadora", advertinlle coa soberbia de equipararme ao mestre norteamericano.

O director e máis eu debatemos un bo pedazo sobre a precisión e o rigor do seu discurso, e outro bo pedazo sobre o meu oficio e a miña honestidade. As teorías sobre linguaxe de Witgensttein versus as teorías sobre periodismo de Talese.

Acabamos por desbotar a entrevista, pero desembocamos nun diálogo sobre a estrutura do western: o heroe chega a unha comunidade en conflito, axuda a resolvelo e marcha. O responsable de Mimosas chegou a Lugo, axudou aos actores de Pinchacarneiro a desenvolver unha peza audiovisual e marchou.

Estabamos a gusto co seu té e co meu café. Falamos sobre El Llanero Solitario. Teríalle proposto falar sobre John Ford de non ter eu a obriga de volver á redacción. Mentres camiñaba cara a fóra das murallas, acordei de que me soaba Mimosas. Lera nalgures que era o nome do hotel de Tánxer no que Tennessee Williams escribiu A gata sobre o tellado de cinc quente, pero non atopei máis referencias a ese lugar que a unha rúa da cidade, Rue des Mimosa.

Ese título de Williams vino hai un par de anos na versión cinematográfica de Richard Brooks, que elixiu o mellor reparto posible para contala: Paul Newman (Brick) e Elizabeth Taylor (Maggie). Maggie (Taylor) explica a Brick (Newman) que se sente "coma unha gata sobre un tellado de cinc quente". "Pois salta!", retruca el.

Oliver Laxe acertou a saltar na dirección correcta. Agardou un ano para poder estudar Publicidade en Pontevedra porque non logrou ser admitido na Escola de Imaxe e Son da Coruña, esforzouse ao longo doutros anos para cursar estudos audiovisuais na Pompeu Fabra. E, ao rematar a espera e e os estudos, correu na dirección contraria á do emprego para elaborar o seu propio cinema. Un heroe.

"Hai unha epifanía en cada cousa", dicíame con seguridade na terraza de O Figón. Soamente un artista que acredita na maxia do real pode saltar dende o tellado de cinc e caer de pé en Cannes.

Polo contrario, a obra que escribiu Tennessee Williams nalgún lugar de Tánxer —disque na terraza do Sun Beach— carece de esperanza. O escritor traballaba baixo un sol desmesurado que lle provocou un texto que é unha tumefacción de celos, traizóns e desprezos.

Ese revoltallo de paixóns e crueldade é shakesperiano. Lémbrame a Otelo, o mouro de Venecia, esa obra do británico que tanto Rossini coma Verdi transformaron en ópera. O domingo pasado contoume Nemesio que Enrico Caruso morrera preparando a peza verdiana para a Metropolitan Opera de Nova York. Faloume diso mentres polos altofalantes do café Cantón soaba Caruso poñendo voz a Otelo. O árabe asasina a Desdémona preguntántolle: "Diceste questa sera le vostre preci" ("Rezaches as túas oracións esta noite?"). Otelo, coma Simpson, foi un heroe ata que os celos o exaltaron con violencia destrutora.

Un guante pequeno para O. J. Simpson
Comentarios