Un futuro 'Gayoso' chairego?

Bruno Pena, na súa casa de Guitiriz (Foto: Baruk)
photo_camera Bruno Pena, na súa casa de Guitiriz (Foto: Baruk)

Chámase Bruno Pena e vive en Guitiriz. El é un rapaz de 19 anos, amable, sinxelo, simpático e, sobre todo, posuidor dunha gran voz que de seguro sorprenderá a tódolos espectadores do programa ‘Luar’, na Televisión de Galicia, o vindeiro venres 28 de outubro, coa súa primeira interpretación dentro da segunda edición do concurso Recantos.

«O primeiro día de programa estaba moi nervioso, pero agardo que cando me toque cantar, xa estea máis acostumado ás cámaras e ós focos», confesa Bruno sobre a súa estancia en ‘Luar’. E, de feito, as cámaras e os focos son outras das súas grandes paixóns, aparte da canción, xa que no futuro lle gustaría dedicarse profesionalmente ó mundo da televisión, «ben sexa diante ou detrás da pantalla».

Para Bruno a música é un hobby, no que leva traballado moito durante preto de dez anos -primeiro na academia Aulos e agora na Rossini, ambas de Lugo-, e co que logrou participar en concursos coma o ‘Pequeno Gran Show’, tamén da TVG, ou no festival da canción de Ordes. Hai uns meses formou un dúo, Bruvá, cunha profesora súa de canto chamada Eva -de aí o nome do conxunto-.

«O do dúo xurdiu máis ben de coña, sen ningunha pretensión, pero nos catro meses que levamos xa cantamos en varios restaurantes e nalgún banquete nupcial», afirma Bruno con satisfacción, unha satisfacción especial que soamente se sente cando un fai o que realmente lle gusta.

Porque Bruno, a pesar de que comezou a ir a clases de canto con dez anos, xa cantaba dende moito máis pequeniño, con tres aniños de idade. Daquela aínda non estaba en Guitiriz, senón en Suíza, lugar onde traballaba a súa familia, a pesar do cal el sempre se sentiu chairego, e máis agora que ten a misión de representar á Chaira ante toda Galicia.

«É un gran orgullo para min poder representar á miña terra, polo que intentarei deixar en bo posto á Terra Chá», afirma Bruno sabedor da responsabilidade que se lle presenta por diante. E aínda máis se se ten en conta a participación da ‘recanteira’ chairega do ano pasado, Rosana, de Castro de Rei, que fixo un máis que aceptable concurso. «Coñézoa de vista, de ir á academia de canto, e aínda que non tiven a ocasión de falar con ela, gustaríame darlle a noraboa polo que logrou na edición anterior de ‘Recantos’», sinala Bruno, ó que lle toca agora recoller o testemuño da súa compañeira.

Con todo, o ‘recanteiro’ guitiricense prefire quitarse a presión de riba, e indica que «o único que quero facer no concurso é aprender, pasalo ben e coñecer xente, aínda que sempre intentarei facelo o mellor posible». Outra das cousas ás que estará moi atento será, como non pode ser doutro xeito, todo o que se move arredor do escenario, en especial o traballo dos iluminadores, unha devoción para Bruno, que actualmente cursa Imaxe e Son en Lugo.

E con respecto ó plano puramente musical, Bruno recoñécese como un rapaz para todo, amosando, iso si, predilección polas cancións de orquestra, en especial pasodobres e música latinoamericana. De feito, a primeira canción que interpretará no concurso da TVG será unha peza popular mexicana, cuxo nome se desvelará o día 28 de outubro.

Antes desa data, a familia do representante chairego agarda ter repartidos numerosos carteis de apoio por toda a comarca. «Colaborarán comigo os concellos de Guitiriz, Xermade, Abadín e Cospeito», recoñece Bruno con alegría. Agora o único que falta é prepararse ben para a cita, templar ben a voz e vencer o medo escénico para que todo saia a pedir de boca. E despois aínda quedará o máis difícil, un factor externo que decantará o resultado do concurso: os votos dos espectadores. Pero esa xa é outra historia.

Comentarios