Un estudo identifica os restos dun asentamento romano en Chantada

O traballo de investigación de dous profesores do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes reúne os vestixios que os pobos castrexos e romanos deixaron nas terras do Condado de Pallares
Os Cóbados de Belesar son os restos dunha vía romana situada entre os concellos de Chantada e O Saviñao
photo_camera Os Cóbados de Belesar son os restos dunha vía romana situada entre os concellos de Chantada e O Saviñao

Un pobo romano enteiro é o que se encontra baixo a superficie de Quintá de Agrade (Chantada). Así o explicaron os profesores Javier Gómez Vila e María del Mar Neira González, do instituto Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo, nun traballo titulado ‘A cultura castrexa e romana no Condado de Pallares’. Estes non son os únicos restos analizados na investigación, na que tamén se achegan datos sobre os castros e as vías que utilizaron nos seus tempos os romanos.

Neira González, licenciada en Ciencias Económicas, e Gómez Vila, licenciado e doutor en Xeografía e Historia, decidiron hai dous anos poñerse a recoller todos os datos que puideran acerca da estancia destes pobos nas terras de Pallares. O resultado, froito dun ano de pescudas e visitas a moitas das ruínas, foi un estudo no cal está contida e ilustrada toda a información atopada nos cinco municipios que forman o Condado de Pallares (Chantada, Carballedo, Taboada, Portomarín e Guntín).

O xacemento de Quintá de Agrade, situado a dez kilómetros de Chantada, foi un dos grandes obxectos de estudo do proxecto. En torno aos séculos III e IV d.C., aquí erguíase a denominada ‘Aqua Quintina’. Este, segundo contou Javier Gómez, foi un dos grandes asentamentos romanos das terras de Pallares. "Aqua Quintina é un núcleo industrial e viario, ubicado no punto no que as rutas que ían dende Lugo a Ourense e de Chantada ata Monforte se cruzaban". As escavacións que se realizaron na zona, que se prolongaron durante un mes, permitiron descubrir que se trataba dun lugar "tremendamente acuífero". "Posiblemente existira unha industria relacionada coa auga, aínda que non podemos concretar de que maneira se traballaba con ela", indicou Javier, que ademais do seu doutoramento en Xeografía e Historia conta con ampla experiencia no campo da arqueoloxía. "Trátase dunha vila grande, non dunha cidade, pero si dun lugar de hospedaxe, de establecemento, xa que tiña a sorte de atoparse nun punto de paso concorrido. Posuían sistemas de regadío e, posiblemente, tamén de calefacción", aclarou Gómez Vila.

Ademais deste asentamento, no traballo aparece comprendida máis información da época romana. Nel fálase de tres grandes vías nas terras de Pallares: A vía XIX, ao seu paso por Guntín; a que ía dende Lugo ata o sur da provincia de Ourense, e a que partía dende Chantada ata Monforte. Nesta última, ambos investigadores quixeron incidir na espectacularidade dos Cóbados de Belesar, treito en zigzag de preto de dous kilómetros que descende ata a beira do río Miño en Chantada. O seu trazado sinuoso, que discorre polo Camiño de Inverno, tiña o obxectivo de facer a pendente menos pronunciada e favorecer o tránsito. Tamén cómpre destacar o número de restos epigráficos, que permiten saber máis dos tempos pasados. En total, atopáronse 14 exemplares, "unha cifra bastante elevada en comparación con outras zonas da provincia", segundo Javier Gómez, quen tamén recordou a importancia deste tipo de material.

CASTREXOS. Deixando de lado a cultura romana, os recintos castrexos amosados no traballo, case 100, contan tamén cunha ampla descrición. Mediante un método estatístico, e tomando como referencia algunhas escavacións anteriores, Neira González e Gómez Vila foron capaces de dar unha cifra de poboación aproximada dos castros. Castromaior, no concello de Portomarín, é un dos máis destacados. Como é habitual neste tipo de estruturas, situábase nun outeiro, posuíndo unha ampla marxe de visión, e protexido cunhas enormes murallas. Aínda que a vida nel comezou no século V a.C., sufriu modificacións ao longo dos poucos anos de convivencia cos romanos, ata abandonarse no século I a.C. A escavación do xacemento, iniciada no ano 2006, está motivada pola súa proximidade ao Camiño Francés.

Comentarios