Un espazo aberto a todos

Exterior da reitoral dos Vilares. c.pérez
photo_camera Exterior da reitoral dos Vilares. c.pérez

Un espazo ó servizo da parroquia. Con ese espírito se levou a cabo, nos últimos meses, o acondicionamento da reitoral da parroquia dos Vilares, unha impoñente casa de dous pisos que nos últimos anos serviu de residencia para unha familia de inmigrantes. Unha vez que quedou libre, o actual párroco, co respaldo do bispado, apostou por recuperala para darlle un uso social e lúdico enfocado a tódolos veciños.

«Hai moitas reitorales que están infrautilizadas e en ruínas e non prestan servizo á comunidade parroquial», explica o cura dos Vilares, Segundo Pérez, para xustificar a súa aposta por arranxar a reitoral e conseguir así un espazo «para nenos, rapaces, adultos e persoas maiores».

Obras

No mes de outubro iniciáronse as actuacións e as obras de acondicionamento na reitoral, ás que se destinou un orzamento duns 14.000 euros. A diócese de Mondoñedo Ferrol achegou 5.000 euros, mentres que o resto estase a custear coas doazóns dos devotos á Virxe dos Desamparados, segundo sinalou o cura dos Vilares.

No baixo da vivenda habilitáronse dous servizos con dúas duchas e acondicionouse a antiga cociña. Esta planta baixa tamén conta cun recibidor, unha sala de xogos e un salón no que se conserva a antiga lareira. No primeiro piso reservouse un espazo único de grandes dimensións para celebrar reunións ou calquera outra actividade de carácter colectivo. Ademais, fíxose un aseo, un despacho e reservouse unha habitación para ser usada como arquivo.

O único que queda pendente é o arranxo da palleira exterior, na que se gardaba a leña no baixo e as huchas e a herba seca na parte alta. As obras están en marcha e inclúen a reparación do lousado e tamén botarlle unha placa de cemento. Tamén se está a acondicionar a antiga horta coma un campo para a práctica de deportes, que será sufragada pola comunidade de montes veciñais dos Vilares.

Historia

A reitoral dos Vilares cumpriu coa función para a que foron deseñadas estas edificacións ata hai aproximadamente dúas décadas, cando morreu o último párroco que habitou o inmoble.

Durante varios anos, e tras quedar libre como residencia, aproveitouse este espazo para acoller diversas actividades dos veciños da parroquia, especialmente na época de verán. Así, a reitoral foi neses anos a sede de varias acampadas ou campos de traballo.

Nos últimos tempos, o inmoble foille cedido a unha familia de inmigrantes, que vivían na localidade, ata que esta logrou asentarse, atopar traballo no mesmo concello e alugar unha vivenda en Guitiriz.

Agora, a través das reformas, a reitoral dos Vilares recuperará de novo os usos lúdicos e sociais e abrirá as súas portas a tódolos veciños da parroquia, que poderán contar con estas instalacións para o seu uso e desfrute.

USOS
Sede da comunidade de montes e local para os veciños

A nova reitoral está concebida coma un espazo interxeracional, con cabida para todos os veciños da parroquia, independentemente da súa idade. Así, na actualidade xa hai varios grupos que fan uso das renovadas instalacións, que serven de punto de encontro.Ademais vaise habilitar no primeiro piso unha oficina para a comunidade de montes veciñais dos Vilares, xa que esta carece de sede e así disporá dun local propio no que gardar a súa documentación e facer as súas reunións.

Actividades e xogos

Os mércores están fixadas as reunións dun grupo de mulleres casadas, que son as nais dos nenos da catequese e tamén forman parte do coro parroquial. A tarde dos venres está reservada para a terceira idade e son os máis maiores os que acoden a reitoral para xogar as cartas ou simplemente, falar. Ademais, sempre está accesible a sala de xogos, da que disfrutan os rapaces da confirmación e tamén calquera neno ou mozo que desexe pode ir xogar ó futbolín ou ó ping pong.

Comentarios