Un encontronazo entre Teixido e Broz dispara la tensión en Guitiriz

O rexedor reprende á edil por estar na nave do Senpa e expedienta ao excoordinador do GES por "non acatar ordes" tras unha tensa disputa

A tensión dispárase en Guitiriz, tras un encontronazo entre o rexedor, Xosé María Teixido, e Ana Broz, a edil que encabeza a lista de Compromiso por Guitiriz despois de catro anos no grupo de goberno do PP.

De compañeiros de votos a rivais políticos, unha visita de Broz á nave do Senpa fixo estoupar a polémica cando Teixido, que defende que foi por temas do Concello e non porque o avisaran, a viu alí. Ela asegura que «estaba de paseo» pola zona e que coincidiu con Manolo Martínez -responsable de deportes e número tres da lista de Compromiso-, que estaba collendo material, e Jesús Fonte -ata a polémica coordinador do GES, que ten alí a súa base, e crítico co actual PP local-.

«Teixido chegou como se fora a súa nave e a súa casa. Díxome que non podía estar alí porque xa non tiña dedicación. Imáxinome que pensaba que estaba de reunión política pero é absurdo, teño sitios onde facelas», comenta Broz, que asegura que instou a Teixido a chamar á Garda Civil se estaba a facer algo ilegal.

Tras o encontronazo dos dous candidatos que ata hai pouco foron aliados, o enfrontamento trasladouse a Fonte polo uso dun vehículo municipal o día anterior para acompañar a Jesús Veres -membro do equipo de goberno cunha candidatura independente que lle deu a maioría ao PP- a ver unhas pistas.

«Teixido recriminoume que fora ‘toda a tarde facer política’ nun todoterreo que só usamos para emerxencias e eu fun nunha furgoneta e xa llo dixera antes e non puxera problemas. Á quinta vez que me dixo o do todoterreo xa me puxen medio histérico e cerrei os puños, pero nin o toquei nin o zarandei porque nunca lle peguei a ninguén», explica Fonte, que recoñece que foi unha situación tensa que rematou cun grito: A ditadura acabouse!».

Teixido, pola súa parte, prefire ser «escueto», aínda que recoñece o que pasou e segue a criticar que Broz estaba en dependencias municipais. Sobre a discusión con Fonte, no polvorín político que é hoxe Guitiriz, este capítulo distancia aínda máis aos candidatos e cada un conta a súa versión. Así, mentres Teixido asegura que «existiu unha ameaza de agresión por parte de dúas persoas» pero non entra en matices, Broz defende que «ninguén lle tocou».

Martínez, que acaba de facer pública unha campaña de «acoso» á súa persoa dende outros grupos políticos contra el, define o momento como «unha discusión acalorada».

Expediente

A polémica non quedou aí e ao día seguinte Teixido pediulle a Fonte que lle entregara o teléfono do GES e destituiuno do cargo de coordinador do grupo de emerxencias. Ademais, abriulle un expediente, que lle entregaron onte no Concello.

«Isto foi a gota que colmou o vaso pero xa se viña arrastrando de tempo atrás por máis debates deses. Cando un ten un responsable superior ten que acatar ordes e non facer o que se lle antoxe», explica Teixido.

Fonte, asegura que non é verdade e que simplemente non cumpre cando o que se lle pide é unha ilegalidade, e critica o trato recibido. «Despois de 32 anos no Concello nunca me pasou tal cousa. Sempre cumprín e sempre fixen unha pila de horas. E parece que non vale de nada. O premio ao traballo polos veciños, sexan da cor política que sexan, é un expediente», apunta Fonte, que opina que «todo é política» e recorda que el non vai en ningunha lista.

Comentarios