viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

Un dedo entre dez

"O xigante que vemos está erguido sobre unha montaña de cadáveres e nós temos que reflexionar sobre o custo dos nosos teléfonos móbiles e xoguetes para os pais e avós de moitos chineses que poboan as nosas rúas"

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

VÉN DE ESTREARSE Bitter Harvest (‘Colleita amarga’, en bo galego), unha película que relata, no marco dunha historia de amor, a Holodomor, a grande fame provocada pola colectivización forzosa promovida por Stalin na Ucraína nos anos 30. Teño para min que o modo de representacións institucional, ou sexa, o filme estándar de Hollywood, non é precisamente o mellor xeito de recoller na pantalla estas traxedias. Queda moi lonxe, na miña opinión, de monumentos documentais como Shoah, de Claude Lanzmann.


Claro, que iso de entrevistar aos protagonistas e superviventes resulta imposíbel en ocasións, por exemplo no caso do goberno de Mao Zedong —antigamente Mao Tsé Tung— na China, segundo Matthew White o segundo evento máis destrutivo da historia da humanidade só por detrás da Segunda Guerra Mundial. Millóns de persoas morreron, os arquivos permanecen moi pouco accesíbeis e o goberno chinés branqueou toda a súa historia recente mergullando en cartos e produtos baratos medio mundo. Por iso ten un mérito enorme a triloxía do historiador holandés Frank Dikötter, que recolle todo o goberno de Mao e cuxo primeiro tomo publicado, o correspondente ao período 1958-1962, publica Acantilado. En 2016 deuse ao prelo o volume final, sobre a Revolución Cultural, e acadou as mellores críticas nos medios especializados... e un bo carro de censuras por parte do lobby pro chinés.

Como cunha soa decisión un pequeno grupo de persoas pode levar á morte a uns 45 millóns de persoas? (A cifra, como demostra o autor, pode darse por fiábel). Mao, como explica Dikötter, decidiu en 1958 que China ía superar a Gran Bretaña e á Unión Soviética en produción industrial, mantivo unha política agresiva de exportación de alimentos e non atendeu as evidencias de que as estatísticas sobre colleitas estaban inchadas ata uns niveis surrealistas. Só en 1962 algúns xerifaltes foron quen de convencelo —sen resultar purgados— de que o pobo morría a millóns. Na primeira parte do libro explícase con todo detalle o proceso que conduciu a todo isto e as difíciles relacións chinesas coa Unión Soviética.

A espiña do libro está formada por un repaso das consecuencias do Gran Salto Adiante nos diferentes sectores e eidos da sociedade: agricultura, industria, comercio, movementos demográficos, vivenda e mesmo natureza. E tamén unha descrición dos banquetes dos xefes do Partido Comunista que fai de prólogo á conclusión, as historias dos máis desfavorecidos.

A coda é realmente terríbel, xa que nunha catástrofe coma esta os máis desfavorecidos son os máis vulnerábeis: nenos, mulleres, anciáns... que sufriron o flaxelo das enfermidades e mesmo do canibalismo, a máis completa deshumanización dos verdugos —ás veces forzados— que levou a un final terríbel a millóns de persoas. As historias que Dikötter conseguiu rescatar son desacougantes e amosan o lado máis salvaxe do ser humano.

Todo isto para nada. Os dirixentes do Partido usaban decote unha frase: "O Gran Salto Adiante era os dez dedos dunha man e só un deles representaba un problema". A realidade é que o aceiro producido non valeu nada, que as comunas fracasaron, que a política agraria do maoísmo non tiña sentido e que nin os pantanos construídos pagaron a pena: aínda en 1975 as choivas derrubaron ducias de pequenas represas, o que provocou máis de 200.000 mortos. E para conservar o poder Mao e os seus tiveron que amputar —seguindo o seu símil— a outra man coa Revolución Cultural. E así o xigante que vemos está erguido sobre unha montaña de cadáveres e nós temos que reflexionar sobre o custo dos nosos teléfonos móbiles e xoguetes para os pais e avós de moitos chineses que poboan as nosas rúas.

Un dedo entre dez
Comentarios