Un compromiso de 50 años

Jesús Muinelo -no centro, con chaleco-, cos asistentes á comida conmemorativa dos seus 50 anos como crego (Foto: C. Pérez)
photo_camera Jesús Muinelo -no centro, con chaleco-, cos asistentes á comida conmemorativa dos seus 50 anos como crego (Foto: C. Pérez)

Medio século. Ése é o tempo que fai que o párroco Jesús Muinelo Cupeiro asinou o seu compromiso con Deus e coa humanidade, perante o daquela bispo de Mondoñedo-Ferrol, Jacinto Argaia Goicotxea, un 27 de maio de 1961 na igrexa de San Francisco de Viveiro.

Apenas un par de semanas despois chegou a súa primeira misa na igrexa de Bazar e Coea, a mesma parroquia que o veu nacer, antes de emprender rumbo cara á Pontenova, onde asumiu o ministerio pastoral nas parroquias de Santo Estevo de Rececende e San Martiño de Vilauriz.

Pasados catro anos, e diso hai xa 46, retornou a Castro de Rei como párroco en Santa María de Outeiro, San Salvador de Pacios e Santo Estevo de Prevesos, parroquias ás que hai 17 anos se lle sumarían San Pedro de Bazar e San Salvador de Coea.

Medio século como párroco rural, un destino elixido polo propio Jesús, que sempre se decantou pola familiaridade e polo trato coa xente, como o amosa o feito de que preferise volver á súa terra no canto de quedarse na Mariña Lucense ou que se decidise a convidar a case medio cento de persoas -catequistas, sacristáns e colaboradores- á conmemoración das súas vodas de ouro, que contaron cunha misa na igrexa da Virxe dos Milagres de Saavedra (Begonte), á que lle ten gran devoción, e dunha comida no restaurante Soborvila de Outeiro de Rei. Os presentes souberon corresponderlle con agarimo e con agasallos: unha praca conmemorativa, un reloxo e ornamentos litúrxicos.

«Podemos dicir que naceu para ser crego, un neno bo, sempre humilde, sempre sinxelo, sempre servicial». Son as palabras elixidas por Luis Veiga para definir a Jesús Muinelo Cupeiro, un párroco e un home «comprometido coa xustiza social, que nunca distinguiu entre pobres e ricos porque nunca pensou nos cartos, disposto cada día a botar unha man a quen precisaba axuda» e en cuxas homilías «non hai palabras baleiras», resume Luis Veiga.

Non queda aí a súa semblanza dun «home de unión», que soubo «colaborar e facer colaborar ós veciños das parroquias nas que estivo», como se pode ver na construción da igrexa de Prevesos ou da chamada casa do crego de Ponte de Outeiro. Mais, sobretodo, se hai algo que defina a Muinelo, segundo Veiga, é a ledicia de quen leva toda unha vida «sorrindo e facendo sorrir».

Familia

Os actos conmemorativos das vodas de ouro sacerdotais de Jesús Muinelo terán continuidade mañá mércores cunha nova comida de confraternidade no mesmo escenario, o restaurante Soborvila, á que asistirá a familia do homenaxeado, convidada por éste. A xornada tamén se iniciará cunha misa ás 13.30 horas no santuario begontino.

Comentarios