Un comentario axeitado

Nunha recente entrevista con varios medios europeos, a cancilleira alemá Angela Merkel utilizaba a maior parte das súas respostas para defender a súa aposta polo axuste nos países en crise e limitar os compromisos e axuda de Alemaña. Con todo, sorprendía cun reproche ás elites económicas dos países en crise por asumir moi pouca responsabilidade pola deplorable situación existente, engadindo que os ricos nos países máis afectados pola crise poderían ser moi útiles se se comprometeran máis con eles.

Este comentario pode ser moi aplicable á situación en España. A crise deixou atrapadas a miles de familias que adquiriran as súas vivendas a uns prezos moi elevados, impulsados por unha burbulla inmobiliaria que ao rebentar deixounos cunhas elevadas hipotecas, que en moitas ocasións están por riba do valor que pagaran ao adquirilas, e ás que poden ter dificultades para pagalas polo descenso nos seus ingresos ou pola perda de emprego. A delicada situación que viven moitas familias pola perda do traballo que tiñan ou polas dificultades para facer fronte á hipoteca da súa vivenda son dúas consecuencias directas da crise. É unha situación que todos coñecemos directamente por afectar a algún dos nosos familiares e amigos. Tamén é fácil identificar aos que tiveron responsabilidades políticas ao comezo ou durante este período de crise e botarlles en cara a súa pasividade. Pola contra, é máis complicado facelo cos que foron os seus principais responsables. Isto é, os que dirixían as entidades financeiras intervidas ou algunhas das grandes inmobiliarias que se enriqueceron coa subida aloucada dos prezos das vivendas e que alentaron a súa especulación.

O comentario de Merkel vén reflexar a súa estrañeza polo baixo compromiso social de boa parte das grandes fortunas e empresarios españois con respecto a outros países. En Estados Unidos hai unha maior cultura polo mecenazgo e as fundacións, que nalgúns casos como no de Bill Gates chega a deslindar do seu propio patrimonio e depositar a metade da súa fortuna baixo o amparo dunha fundación. Hai tamén dous anos que un grupo de directivos das principais empresas francesas escribiron ao presidente da república aceptando que se lles impuxese un imposto máis elevado para facer fronte á crise. En España carécese destas iniciativas e hai pola contra algúns exemplos que van mesmo nun sentido contrario, tratando de fuxir do pago de parte dos seus impostos. Tal foi o caso dun gran empresario catalán que finxía ter a súa residencia en Portugal para evadir os seus impostos, ou dou- tros máis recentes que trataban de facelo mediante a utilización dun conglomerado de empresas que acababan en paraísos fiscais ou tratando de beneficiarse da menor imposición de sociedades de investimento colectivo.

As accións das empresas a favor do medio e a sociedade nas que se desenvolveron, a súa responsabilidade social corporativa, aínda segue sendo unha materia pendente en boa parte dos empresarios españois.

Comentarios