Un cento de persoas participa nun roteiro por Avelino Díaz

Os asistentes cubriron un percorrido de nove quilómetros co fin de reivindicar un día das Letras Galegas para o Poeta de Meira
Asistentes ao roteiro reivindicativo por Avelino Díaz, en Meira
photo_camera Asistentes ao roteiro reivindicativo por Avelino Díaz, en Meira

Un cento de persoas sumouse onte á terceira edición do roteiro de Avelino Díaz, unha iniciativa posta en marcha pola entidade que leva o seu nome e que pelexa dende hai varios anos porque se lle adique o día das Letras Galegas ao coñecido Poeta de Meira.

Os participantes, que tomaron a saída na Órrea, en Riotorto, xunto á casa natal do homenaxeado, cubriron un percorrido de nove quilómetros, cunha parada obrigada, xa que se inaugurou un chanto do artista Manuel Pardo que fai referencia ao poema inédito ‘Carballo da Travesa’.

"O noso propósito e ir instalando ano a ano un novo chanto, xa que a obra de Avelino fai claras referencias a este contorno", explicou o presidente da entidade, Francisco Veiga, ao tempo que recordou que o máis positivo deste roteiro é que se trata "dunha actividade popular" que permite "achegar a obra e a figura de Avelino a tódolos públicos".

A camiñata tivo como punto de chegada Meira, outro lugar moi importante na poesía de Díaz, e onde os asistentes foron recibidos pola agrupación de pandeireteiras Nove Ferreñas, que interpretou un poema musicado. A continuación, os participantes nesta iniciativa trasladáronse ao restaurante O Muíño, onde se celebrou un xantar de irmandade no que non faltou a música e a poesía.

Pese a que a Real Academia Galega se decantou por Carlos Casares como homenaxeado en 2017, os promotores desta iniciativa non perden a esperanza. "Esta é unha carreira de fondo, e temos conseguido moito. Hai uns anos ninguén sabía do Poeta de Meira, e hoxe xa é coñecido e familiar para todo o mundo", asegurou Veiga, mentres avanzou que a entidade celebrará o vindeiro 16 de setembro unha nova asamblea na que haberá renovacións de cargos e novas propostas.

"Agora o noso obxectivo principal é reeditar a obra, así como poder publicar todo o traballo inédito. Péchase unha etapa e ábrese outra", concluíu o presidente.

Comentarios