Un cento de persoas participa na festa da Anpa

Houbo comida no pavillón e inchables, talleres e pinta caras para os máis pequenos
Un dos momentos da xornada de festa
photo_camera Un dos momentos da xornada de festa

Ao redor dun cento de persoas participou esta fin de semana na segunda comida organizada pola Anpa de Xermade, unha cita que pretende reforzar lazos entre pequenos e maiores e ofrecer unha xornada de confraternidade a tódolos pais e alumnos do colexio xermadés.

A festa, que foi un éxito en canto a participación, encheu de xente, risas e longas conversas o pavillón de deportes de Xermade nunha cita que, pese aos seus poucos anos de vida, demostrou que chegou con forza para quedarse, probablemente para converterse nunha data marcada no calendario de actos da localidade chairega.

A comida, programada para as 14.00 horas, contou cun menú a base de paella, churrasco de porco, postre, café e chupitos, por un prezo de 20 euros para os adultos, e pizza, tiras de pito e croquetas para os nenos, que pagaban dez euros polo menú infantil. Todos os pratos foron preparados e servidos polo restaurante Trasanquesa, de Narón.

ACTIVIDADES . Os máis pequenos, mentres os maiores alongaron durante horas a sobremesa, puideron desfrutar de distintas actividades. Entre as propostas organizadas pola empresa Ita Animación, das Pontes, houbo inchables, música, un taller de pinta caras e outro de globoflexia, ademais doutros moitos xogos que fixeron que todos pasaran unha boa e animada tarde diferente fóra das portas do colexio.

Comentarios