Un centenar de artistas buscan inspiración en el vacío del psiquiátrico de San Rafael

O proxecto de creación artística multidisciplinar EntoleArte, posto en marcha dende a Rede Museística da Deputación de Lugo, arrincou onte coa toma de contacto coas instalacións do hospital psiquiátrico de San Rafael, de Castro -que inspira esta iniciativa cultural- por parte dos máis de cen artistas participantes, chegados de toda Galicia e mesmo doutros puntos do país.

«Un espazo tan peculiar, relacionado coa saúde mental, pode dar moito de si relacionado co teatro», apuntou Rubén Pérez, membro do grupo Palimoco, que se apuntou a EntoleArte con todos os seus membros, ata os ‘palimoquiños’, por ser unha experiencia «da que podemos aprender».

«Este é un proxecto fantástico, moi realista», sinalou outra das presentes, Paula Cabaleiro, cofundadora dunha galería de arte en Santiago, quen agradeceu a oportunidade dada para «aproveitar recursos históricos», ademais de ver nesta iniciativa unha «forma de sensibilizar á sociedade sobre a existencia destes lugares».

Paula ve en EntoleArte unha confluencia coa súa obra, na que lle gusta «dialogar» cos espazos, e definiu o centro coma «un espazo moi potente, cunha historia viva, porque a xente estivo aquí ata hai uns días». Na mesma liña se manifestou Ignacio Castro ‘Nachok’, para quen formar parte desta iniciativa é unha «continuidade no meu traballo», onde aposta pola «reutilización de cousas que están fóra de lugar ou de tempo».

«Gústame reciclar para o mundo da creación cousas que xa non serven», dicía Nachok, a quen esta primeira toma de contacto co San Rafael lle permitirá ir «tanteando» a súa futura obra, igual que a Ernesto González, quen se amosou encantado coa idea da Rede Museística: «Esté é un proxecto como eu penso que teñen que ser estas iniciativas, ancorado na realidade, no local, aínda que cunha proxección global».

E a realidade do San Rafael poiderona coñecer onte todos eles guiados polo comité organizador, composto por Encarna Lago, Antonio Reigosa, Fernando Arribas, Xoán Ramiro Cuba e Xosé Reigosa, autor da exposición fotográfica ‘Entre Marbella e Torremolinos, imaxes de manicomio’, cuxas imaxes acompañaron a visita ó interior e ó exterior do San Rafael.

O primeiro foi o de fóra, a Lagoa de Caque, o antigo cemiterio ou o cruceiro, para logo traspasar as portas e familiarizarse cos 60 anos de historia do manicomio. «Sobrecolledor», «impactantane», «o olor...», «da una pena, hay muchas tristezas...» foron algunhas das impresións de arquitectos, cineastas, pintores, escultores, escritores... Agora poderán liberar a súa creatividade e darlle forma a «unha explosión de arte», como vaticinou o deputado de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, presente onte nunha xornada que tamén incluíu un xantar e un foro de debate.

Calendario da iniciativa
Os artistas inscritos en EntoleArte terán ata o 23 de marzo para presentar as súas propostas, que poden remitirse a [email protected] ou [email protected].

Selección de propostas
Unha comisión escollerá o 30 de marzo os proxectos que se desenvolverán no psiquiátrico e que poderán montarse do 3 ó 13 de abril.

14 de abril
O proxecto EntoleArte culminará ese sábado, de 12.00 a 19.00 horas, cunha xornada de portas abertas no centro de San Rafael, onde se presentarán as distintas contribucións artísticas dos participantes na iniciativa.

Comentarios