Un café de prestado

A pregunta máis habitual sobre Ribadeo é se é a última vila de Galicia ou a primeira de Asturias segundo se colle a autovía do Cantábrico. Esa autoestrada é outra vítima da mentalidade radial dos deseñadores españois de infraestruturas, incapaces de ceder á lei de que todos os camiños deben pasar por Madrid.

Os ribadenses botamos o día contestado preguntas desa caste. A única certeza que atopamos a respecto de Ribadeo é que «cada un paga o seu». Un hostaleiro de Silleda cansou de botar en falta clientes, polo que puxo un cartel na taberna Pino: «Esta quincena as bebidas na barra, estilo Ribadeo, cada un paga o seu». Combate así a sensación xeralizada entre os que pagan roldas de viños de seren os máis xenerosos do grupo.

Esa sona de manicurtos dos ribadenses amola aos usuarios dos bares da vila, quen, por superala, entran nos establecimentos pagando roldas antes de mirar se é precisa. A consecuencia, hainos quen teñen aboado o refrixerio antes de pedilo. Certamente soamente teño visto un ribandese, O Raxao, un terratenente enriquecido polas expropiacións da autovía do Cantábrico, pagar a súa consumición e a da persoa que tiña ao carón por moita compañía coral que tivese.

A teoría ribadense sobre ese dito que tanto amola é que se trata de «un invento compostelán», como se en Santiago tivesen desvelo algún polo xeito no que os ribadenses financian o seu ocio hostaleiro.

Ese etnocentrismo da vila mariñá ten o correspondente, con menos motivos, no Madrid polo que deben de pasar os camiños todos. Miguel Olarte está certo de que «Ribadeo é un dos barrios máis elegantes de Madrid» e non serei eu quen ouse revogar tan sabia sentenza sendo rioxano e perito en viños quen a dicta.

O problema dese antepago practicado en Ribadeo é que non se lle puxo nome e se adiantaron os napolitanos co ‘caffè sospeso’, o café en espera. O escritor italiano Luciano de Crescenzo conta que «en Nápoles, no barrio de Sanità, cando alguén estaba feliz, en vez de pagar un café pagaba dous deixando sobre a mesa as moedas para o próximo cliente. Daquela, cando un esmoleiro entraba, preguntaba se había algún ‘sospeso’».

O café Comercial, do barrio madrileño de Malasaña, vén de adoptar o ‘caffè sospeso’ para axudar a quen o pasa mal, como a taberna Pino de Silleda. Está ben, pero puxéronlle o nome italiano, ignorando a orixe máis pura.

Comentarios