Un artista para a ocasión

Un iraniano residente en Galicia comentábame que botaba de menos estar estes días no seu país para celebrar unha festa tradicional. Cando me contou os pormenores deime conta de que é basicamente similar ás nosas fogueiras de San Xoán. Unha festa do lume na que se aproveita para queimar obxectos vellos ou inservibles, converténdose tamén nun ritual de purificación. Deste xeito, compróbase que o ser humano comparte uns trazos de conduta que se repiten en moitas culturas do planeta, ata nas máis distantes. Isto non é novo e explicárono antropólogos como o escocés Frazer, na súa obra monumental ‘A rama dourada’. Con todo, a paixón por destruír as pertenzas, coa intención de renovalas, atopa a súa máxima expresión na consumista sociedade occidental. Moitas veces a xente compra sen que o que adquire veña cubrir necesidade ningunha; por iso é necesario tirar ao lixo obxectos perfectamente útiles, que deben desaparecer para deixar espazo libre nuns fogares cada día máis pequenos. Os promotores dun novo centro comercial na Coruña tiveron o acerto de achegar a arte a este lugar, encargando ao escultor Leiro unha obra que desde agora recibirá aos clientes que alí se acheguen.

A figura, que recibe o título de ‘O Acarrexador’ ten semellanza con un coloso e tamén con Frankenstein, con tres descomunais pernas que parecen ceder ante o peso dos obxectos domésticos que transporta, como unha lámpada que ten tamaño de farola. Con permiso do autor, eu chamaría a este monstro ‘O Acaparador’, unha metáfora dos ávidos consumidores que teñen exacerbado o instinto recolector que xa caracterizaba aos nosos antepasados prehistóricos. O terreo de caza, tense trasladado na actualidade á xungla do supermercado ou os grandes almacéns.

O mundo da publicidade é un eficaz aliado das empresas para estimular aínda máis este espírito consumista, creando necesidades apremiantes con ocasión de celebracións tradicionais, como o Nadal, ou simplemente en función de estratexias meramente comerciais: San Valentín, día do pai ou día da nai; e cando non queda nada máis socorrido, aí está a semana fantástica que, postos a ser excesivos, dura todo un mes. O importante é crear eventos que astutamente enchan o calendario anual facendo funcionar a caixa rexistradora. Os promotores coruñeses seguramente quixeron facer da escultura de Leiro un elemento máis de atracción cara ao seu comercio. Pero non deixo de ver que hai algo de provocador en situar esta figura no epicentro da orxía do consumo. Máis pronto que tarde, todos ises obxectos converteranse en fogueira das vaidades.

Comentarios