Un apartamento con amplas vistas ao pasado

Cambiou o mundo nos últimos trinta anos? O mundo é máis o mesmo, pero nós non. E non, non é verdade que coa idade chegue o sentidiño, nin a sabedoría, nin a raposería. Tampouco chega o demo. O único que chega coa idade son os anos. O CDG xa ten directora e hai que seguir esperando

Non é raro que unha cultura que ten como festa principal unha efeméride, sexa tan dada aos aniversarios. Somos bastante amigos do ritual das celebracións, como somos moito de non faltar nas honras fúnebres. Somos tanto así que lendo algúns titulares, haxiografías ou calquera xénero postmortem, pode un lector desprevenido quedar coa impresión de que o momento máis importante da vida dun cultureta é a súa morte. Que os seus quince minutos de fama só se poden conseguir previa desaparición. Cada ano temos un Día das Letras Galegas que ten como esquema invariable que o homenaxeado estea morto. Como mínimo. Outras veces parece que ten que estar morto e esquecido. Rematado.

Unha cultura así é un apartamento con vistas ao pasado e por iso non resulta raro que te- ñamos conmemoracións ata o punto paradoxal de que hai máis xente no aniversario da fundación de teatro galego —por citar un caso fantasioso— que na propia fundación do teatro galego. Dígolle aniversario porque se o nomeamos como cabodano, a celebración adquire definitivamente sentido mortuorio, parece función de defuntos e debería ser obrigatoria a reflexión de por que sempre dependemos do pasado. Pode ser debido a que seguimos sorprendidos pola mesma idea de ter sobrevivido.

Nunha cultura con Día das Letras Galegas, unha celebración exitosa e con eco social, parece lóxico que cada sector firme as súas propias efemérides. Esa data que obriga a lembrar a todo o mundo que segue aquí, superando campañas subidas e soldos baixados. O teatro leva celebrado nestes anos conmemoracións simultáneas. As primeiras compañías profesionais, a creación do Centro Dramático Galego, a formación de colectivos profesionais como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Quizais hai unha novidade nesta última e na paisaxe que a rodea. Antes, cada celebración parecía destinada a fixar a liña, a facer balance para demostrar certa consistencia. Agora parece remarcar un cambio que aparentemente é xeracional, pero vai algo máis alá. Ten máis de cambio de época.

Hai trinta anos, algo máis, as asociacións escénicas tiñan dúas liñas programáticas para conformar o sector teatral. Unha delas era a creación dun centro dramático galego. A outra era unha escola de arte dramática. Trinta anos despois as dúas están operativas e todo o mundo pensa, con optimismo desinformado, que algo se progresou nesa liña.

O Centro Dramático Galego ten nova directora, Fefa Noia, e unha historia que xoga á contra. Unha historia de urxencias e pesos. De pesos que non lle correspondían e pesos que non quixo levar. Neste trinta anos o CDG incumpriu case permanentemente os seus obxectivos e nin foi mascarón de proa nin ningunha outra denominación mariñeira. Non serviu para facer máis visible a profesión, nin para gañar público, nin para normalizar o teatro do país como un teatro en igualdade de condicións co de calquera outro país. Non o fixo no principio e non o fixo no pasado recente mentres pareceu unha sombra fuxitiva do que foi. O Centro é unha casa que leva unha temporada deshabitada. E aínda hoxe os papeis néganse a dicir ao pé da letra ‘directora do CDG’, como se tal denominación fose escasa ou a institución que con esas letras non merecese tal.

O CDG non equivocou os seus obxectivos, e q u i - vocou as estratexias ou púxoas ao servizo dunha actitude que foi común naqueles anos en toda a cultura galega. A idea xeral era que para que existise unha cultura tiñan que existir profesionais e que o primeiro que había que normalizar era esa relación profesional. Deuse por descontado que o público aparecería, que habendo teatros, funcións, contratos, decorados, vestiario e focos, os espectadores irían entrando e ocupando as butacas. O cálculo foi a un tempo arriscado e acomodaticio. Máis propio dun tempo anterior. Porque mentres Galicia marchaba a vivir en adosados, a idea do deber cultural ía desaparecendo entre os novos canais da televisión por satélite. A concepción do profesional foi practicada só no artístico e a outra idea, a dunha sociedade moito máis complexa no seu consumo cultural, moito máis presionada por unha oferta que se multiplicaba semanalmente, foi desbotada con certo desdén. O público aparecerá. E apareceu uns días si e quince, non.

O outro erro histórico do CDG mantívose no tempo, pero diluíndose na mesma medida que a institución: desmontar elencos de compañías para montar obras propias. As condicións laborais sempre pesaron moito a favor do Centro ou en contra das compañías. Houbo tempo en que canto máis producía o CDG menos facían os grupos. Case todas as compañías daquela época desapareceron. É dicir: non maduraron e truncaron a relación cos seus espectadores. Adeus marca, adeus traballo. Quizais foi inxenuidade ou desgana. Agora estamos aquí, esperando que escampe. Esperando polo CDG, que tarda moito, moito máis que Godot.

Comentarios