Un 25-F pirotécnico

OS ANIVERSARIOS non teñen un protocolo de datas: poden ser dun ano, de cinco, de dez, de quince, de vinte e, mesmo de trinta, como é o caso do que se acaba de comemorar, ou sexa o do intento de golpe de estado que tivo lugar o 23 de febreiro de 1981. A efeméride dou lugar a reportaxes de moi diverso tipo e, entre eles, o convite a algunha xente contemporánea para rememorar aqueles días. O certo é que o paso do tempo vai facendo as aristas máis romas e a memoria, ás veces, pérdese nun neboeiro, tal e como tivemos ocasión de aprezar nalgúns testemuños, porque hai unha natural tendencia ao relato cando se ofrece a posibilidade de subliñar o propio papel perante un público que non viviu aqueles feitos, mostrados unha e mil veces a través das imaxes da televisión.

Nós mesmos fomos requeridos para ofrecer as persoais impresións, que non só son escasas senón intrascendentes. Digamos primeiramente que no microcosmos local, e mesmo comarcal, non houbo grandes acontecimentos. Medo e inquedanza por suposto que si, sobretodo naquela xente que vivira os anos da guerra, ou nos que ao longo da ditadura padeceran persecución e dificultades. Partícipes dese clima foron tamén as minoritarias forzas políticas da esquerda. Nalgúns casos, chegouse a agachar arquivos e documentos e a desprenderse de publicacións e propaganda. Ribadeo debeu de ser un dos lugares onde máis xente contemplou en directo a entrada dos guardas civís no hemiciclo do Congreso dos Deputados, porque se estaba producindo a votación que ía levar á presidencia do Goberno a un veciño destacado: Leopoldo Calvo-Sotelo. Nun primeiro momento aquel mazazo facía incompresible e incrible o que se estaba vendo. Tardouse un tempo en reaxir, e cada quen acudiu ás suas fontes na percura de información. Por vencellos amistosos e de vecindade nós procuramos o acobillo tranquilizador na sé da axencia Efe en Santiago, ainda que con moitos atrancos dada a saturación das liñas telefónicas.

Pero tamén houbo as suas anécdotas. A daquela activa Agrupación Cultural, tiña programada para o mércores 25 de febreiro unha conferencia do arqueólogo Felipe Arias Vilas, que ía falar sobre ‘O patrimonio arqueolóxico na costa lucense’. Fracasado o golpe, decidiuse non suspendela, quizais como unha contribución á normalidade, de xeito que quedamos citados co daquela director do Museo Provincial nun céntrico café. Sucedeu que cando o estábamos saudando comezaron a escoitarse unhas salvas de estrondantes foguetes, que o sorprenderon dado o inquedante ambiente das datas. Ocorréusenos a brincadeira de decirlle que sempre recibiamos aos conferenciantes con ese sonoro ritual, o que provocou un xesto de extrañeza e incredulidade. Porque o certo é que a profusión das bombas de palenque obedecía á elección do señor Calvo-Sotelo como novo presidente do Goberno. A charla desenvolveuse co éxito habitual e a vida continuou.

Comentarios