Últimas escaramuzas no corazón do Parnaso galego

A REAL ACADEMIA GALEGA é para a maioría dos galegos coma o Espírito Santo. Intúen que existe, queren crer que serve para algo se leva tanto tempo de vida, pero son incapaces de concretar que utilidade ten. A institución cobrou corporeidade terreal para moitos cando se informaron de que cada ano 861.000 euros dos seus impostos parten nunha viaxe cara ao descoñecido e que a entidade ten un ambiente familiar -con tres fillos, un mozo de filla e un cuñado na trintena de empregados-.

A conclusión de mandato de Xosé Ramón Barreiro abriu o campo para a desputa entre o secretario, Xosé Luís Axeitos, e o tesoureiro, Manuel González. Esa rivalidade calou no pacto arredor da figura marmórea de Ferrín. A candidatura de Víctor Freixanes deteu o seu avance diante de tanto prestixio acrítico.

O escritor ourensán era un destilado de esencias ético-políticas combinadas coa excelencia literaria indiscutida porque este país que, a falta de pensadores, adora aos seus poetas. A maiores, cumpría os requisitos das nosas elites culturais: residir na Galicia Oeste, e era senior e varón. Os nosos ‘bourgeois bohemian’ ocupáronse de esculpirlle o nome en mármore: «¡Un clásico en vida!», exclamaban abrindo moito a boca para pronunciar as vogais. Parecía que o trono da rúa das Tabernas era o cumprimento da profecía dun destino elevado, natural e definitivo para o heroe.

Todo o que parecía atraer ao presidente eran o ornato, a onomástica e a topomimia, e se lle concedeu todo o protagonismo nese senso. Ao cabo, Axeitos e González continuaron gobernando a entidade, mentres permitían que o presidente exhibise o seu poderío literario armando bonitos discursos. Os ferrinianos súmanlle no haber que adscribiu a cada membro de número a un seminario e que modernizou a Academia propoñendo para as Letras Galegas a figuras como Lois Pereiro ou Vidal Bolaño. Descoñezo o segundo caso; no primeiro, aceptou sen entusiasmo a candidatura. Con todo, a opacidade contrastar esas afirmacións.

Tanto os académicos amadores como os detractores de Ferrín, falando en voz baixa, coinciden en apuntar a Xosé Luís Axeitos como o causante da caída. Uns tratan de exculpar ao dimisionario; outros, de fixar o seu rival. Ambos os bandos coinciden en revelar que Ferrín culpa da contratación da súa filla na Real Academia (motivo da marcha) a unha decisión do seu secretario. Resulta verosímil revisando a web da entidade: o nome ou a influencia de Axeitos figuran tras o nomeamento recente de académicos.

Contra fin do ano pasado chegou o momento de medir as achegas que os gobernos de Madrid e Santiago facían á Real Academia Galega. Cada actor empezou a interpretar o seu papel. Xosé Luís Méndez Ferrín comezou a poxa coa palabra «insuficiente» e rematouna igual. A súa figura mítica medrou uns centímetros no país dos ananos: conseguira manter o orzamento no medio do derrube presupostario xeral sen presentar unha nómina nin unha factura. Era palabra de presidente.

A vitoria orzamentaria foi breve. Aquiles tiña un calcaño que non inmunizara Tetis ao bañalo no río Estigia porque o mergullou termando del polo pé. Paris acertou ao dispararlle. Xosé Luís Axeitos explicouno coas súas palabras, pero coma se citase a algún clásico da Deputación de Ourense: necesitabamos unha filóloga en paro que fose filla dun presidente da Real Academia Galega e que tivese un mozo -filólogo, tamén- para que conducisen a páxina da entidade e -oh, atinada deusa Fortuna!- demos coa persoa que cumpría as condicións. O propio secretario da Academia ten un fillo empregado na entidade, ao igual que acontece cun vástago do tesoureiro, Manuel González.

Os rivais de Méndez Ferrín miraron a estatua vivente abalarse. Recobraron a moral de vitoria. O enfrontamento adiado polo nomeamento do dimisionario anunciado soamente se viu rota cando se propuxo a Fina Casalderrey. Na costume da Academia nunca se contraprogramara, pero a presidencia propón a Chus Pato. Diante do temor de que o número de ferrinianos aumentase, a maioría apostou pola escritora de LIX. Méndez Ferrín asiste, perplexo, á súa primeira derrota. Ningún mandatario da RAG fora humillado dese xeito polo plenario.

heroísmo. O presidente da Real Academia aguantou durante mes e medio nun silencio amargo propio da paixón, pero o pasado luns decidiu retirarse ao cultivo privado da súa xubilación. Como bo filólogo recuperou a vella palabra que quedara en desuso: dimitir. Ferrín levaba décadas gastándoa en mitins, pero a normalidade converteuse en heroísmo polo seu carácter excepcional.

Antes de proclamar o seu cese, enviou en avanzada a Axeitos buscando un territorio periodístico amigo para esgotar o polvorín. Axudárono os ‘bourgeois bohemian’, que quitaron as ballestas polas ventás da casa das Tabernas. «É un ataque da extrema dereita», perciben. Denuncian o cainismo para defender o adanismo de Ferrín. Como se fosen cuestións que se pudiesen relacionar, como se a política de persoal da RAG estivese externalizada nun ‘consulting’ de reaccionarios que odian o galego.

O secretario da Real Academia Galega, entrementres, disparaba dentro da sede académica contra as outras dúas entidades que rixen na cultura galega escrita: O Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega. Unha manobra desesperada no caso do ILG, dado que el mesmo comparte xestión con académicos da entidade universitaria -Manuel González, e o vicesecretario, Francisco Fernández Rei- e porque Ferrín conta nel con membros de número que lle son partidarios. A directiva espareceu críticas contra ambas as entidades porque se sente nunha emboscada na que non atopa un burato de escape.

Entre mentres, entidades coma a Asociación de Escritores ou o Pen Club pediron ao dimisionario que reconsidere a decisión e o secretario da RAG reafirmou a súa querela contra o CCG e ILG por «intento colonizador». Os académicos críticos agardan ata o vindeiro pleno para coñecer os méritos laborais dos familiares contratados e máis o capítulo de gastos. No suposto de atender ao requerimento, Ferrín debería someter o seu pudor a dous estados que lle desgustan: ser cuestionado e xustificarse. Improbable.

O carisma do dimisionario é asemade a debilidade que deixaría en herdanza aos ferrinianos, que dificilmente atoparán outro candidato. Na outra banda, as quinielas apuntan a unha muller; tal vez, haxa consenso arredor de Rosario Álvarez, directora do ILG. En calquera caso, a RAG deixará de ser percibida coma un club de ‘gentlemen’.

Comentarios