Ulises en silencio

Sala de festas en Castroverde / Xesús Ponte

A PELÍCULA ‘2001 Odisea en el espacio’ ten moitas virtudes. A principal é que transformou toda unha xeración de rapaces a fins dos 70 en impostores culturais. Do cine de Kubrick prefería ‘El resplandor’ porque a daba entenido, pero mirar a Jack Nicholson cos ollos inchándose e o queixo desviado era unha proposta abrupta para sometela á consideración dunha moza con tantas pretensións culturetas como as que tiña un. Por iso, era mellor convidala a mirar unha película ao estilo de ‘2001’. Daquela, cando menos no Santiago universitario, adoitabamos debater sobre a película unha vez rematada. A falta de internet, había que dedicar a tarde previa ao pase cinematográfico a buscar un ensaio que che explicase a película coa fin de que puideses ter conversa no cinefórum informal da noite posterior á proxección. Para estes casos, era mellor poder refuxiarse nunha discoteca na que soase música suficientemente alta. Valía de escusa para evitarse a análise do simbolismo suxerido polo filme. Ignoro se a sala de festas 2001, que montou o corguense Alejandro Santos por volta dos 80, levaba ese nome en homenaxe a Kubrick. Cónstame que houbo moitos odiseos ou ulises atravesando a franxa central da provincia na procura das súas penélopes nese espazo animado de Castroverde. Sentíanse liberados da palabra insegura.

Comentarios