Twitter

Borrei xa máis do que escribín por esa cousa ridícula de querer ser enxeñoso cando non o fun nunca, polo menos desde cero. Son o que dá as réplicas; o meu avó podía estar calado unha tarde esperando a que alguén dixese algo para poder falar. Pero aí estou diante do caixetín baleiro. De todos os esforzos que fixen na miña vida, este é o máis tenro. Dicía Umbral de Azorín: “Inventou o parágrafo curto porque tiña as ideas curtas. Como loita porque se lle ocorran cousas. Non se lle ocorre nunca nada”. E de súpeto acéndese unha luz e escribo algo nos caracteres mandados mentres penso: “¿Pero mandados por quen?”. Hai un fondo de decepción nese exercicio estajanovista de pór a funcionar a caldeira a graos. O cerebro empézaseme a compartimentar en chascarrillos. Iso logo acúsao a columna. Eu non son así, repítome. Eu tiña o meu propio ritmo, a miña propia finezza. Non pode ser que me pasara media vida pelexándome co meu director para ter columnas de 700 palabras e acabe escravizado por unha caixa na que caben dez. Pero así son estes tempos tortuosos. O silencio despois de lanzar un tuit, como cando se para o mundo ao ir bicar á moza que nunca bicaches. A convicción íntima, xa diante do espello, de que en realidade un manexa as ferramentas grotescamente para non atoparlle o punto.

Comentarios