Twitter

Borrei xa máis do que escribín por esa cousa ridícula de querer ser enxeñoso cando non o fun nunca, polo menos desde cero. Pero aí estou diante da caixa baleira. Que uso tan tremendo lle quere dar un sempre ao novo. Pásame por encima a mañá. De todos os esforzos que fixen na miña vida, este é o máis tenro.

Dicía Umbral de Azorín: “Inventou o parágrafo curto porque tiña as ideas curtas. Como loita porque se lle ocorran cousas. Non se lle ocorre nunca nada”. E de súpeto acéndese unha luz e escribo algo nos caracteres mandados mentres penso: “¿Pero mandados por quen?”. Pasan dous minutos e ninguén o rebota. Bórroo. Hai un fondo de decepción nese exercicio de pór a funcionar a caldeira a 140 graos.

Levo xa seis meses e o cerebro empézaseme a compartimentar en chascarrillos. Iso logo acúsao a columna, que a miúdo dexenera nunha sucesión parva de truculencias curtas. Eu non son así, repítome. Eu tiña o meu propio ritmo, a miña propia finezza. Non pode ser que pasara media vida pelexando co meu director para ter columnas de 700 palabras e acabe escravizado por unha caixa na que caben dez. Non pode ser que no medio dun artigo se pare
un a pensar na frase impactante que toque a campá a rebato en Twitter e se incruste nun parágrafo sen xeito nin dereito, como unha lámpada que non vai a xogo coa saia da anfitrioa.

Así este tempo penoso. O silencio despois de lanzar un tweet pretencioso, como cando se para o mundo ao ir bicar a moza que nunca bicaches. “Aquí só tes que ser ti mesmo”, díxome
Morfeo ao chegar. Pero sinto que nesa baldosa non podo bailar. Eu escribo tirando do carro a campo aberto, como un labrador sen cargas. Que é Twitter, pregúntasme mentres cravas na miña pupila o teu paxaro azul.

Comentarios