miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

A tumba do faraón

Hai moitas ofertas para viaxar a Exipto; auténticas gangas. Aínda así quedarán prazas baleiras porque a maioría de gobernos occidentais veñen de desaconsellar aos seus cidadáns visitar ese país, polo momento. Porén, a pouco que se calmen as cousas os estranxeiros teñen un bo motivo para volver ao país das pirámides e os templos faraónicos agora que caeu o réxime do islamita Mursi. O certo é que ese movemento político, que vén de ser apartado do poder mediante un golpe de estado, nunca foi moi entusiasta dos turistas. Precisamente viña de tomar unha medida polémica, como foi o nomeamento como gobernador de Luxor a un antigo dirixente dun grupo terrorista que tiña asasinado a máis de cincuenta viaxeiros estranxeiros, nos tempos en que pensaban derrubar a Mubarak estrangulando a economía nacional. Tamén foi coñecida a polémica causada cando a Irmandade Musulmana pensou en prohibir os bikinis nas praias e o alcohol nos hoteis. A cousa non foi a máis, pero a imaxe exterior estaba danada e as previsións de visitantes quedaron reducidas nunha terceira parte. Estou certo de que algúns dos que estes días pedían na rúa a dimisión do presidente Mursi eran antigos simpatizantes que viñan de perder os seus empregos na hostalería. Porque ao acabar co turismo os islamistas mataron a única galiña de ovos de ouro que quedaba no país. Curiosamente, a crise exipcia vénse sumar ás desa-tadas anteriormente no Mediterráneo, como as de Túnez, Grecia, Turquía e Siria. Todas acaban por beneficiar a España, que segue a bater records de turistas que buscan tranquilidade para o tempo de lecer. Aquí tamén houbo tempos, durante o réxime franquista, en que se viu no turismo un incon vinte ou un perigo, pero impúxose o pragmatismo de tipo económico porque o país necesitaba as divisas. Á larga demostrouse que os temores do nacional-catolicismo eran certos, porque os que viñan de fóra contribuíron a mudar os esquemas dun país que estaba ancorado no pasado. Claro que no momento actual as pretensións do fundamentalismo islámico de frear o contaxio occidental son en van. As canles vía satélite (que tamén quixeron prohibir) e internet fan imposible manter esa estrita disciplina. Incluso nos países máis integristas como Arabia Saudí ou Irán, cando a policía relixiosa desaparece, os rapaces escoitan música de Coldplay, ao tempo que as rapazas sacan as roupas negras do hiyab para lucir os jeans e os tacóns que ocultan por debaixo. Qué difícil é poñer portas ao campo.

A tumba do faraón
Comentarios