Tropos na cámara

ALGUÉN me contou que o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, señor Piñeiro Permuy, tiña por costume adornar as suas intervencións na cámara lexislativa galega, con citas en latín, co fin de elevar o nível da retórica parlamentar. Deste xeito, seica era frecuente que polo estrado desfilaran Ovidido, Virxilio, Petronio, Quintiliano, Cicerón ou Horacio. Deste último, por certo e coma homenaxe aos tempos idos, é a que di ‘Aequam memento rebus in arduis servare mentem’, ou sexa ‘Lémbrate de conservar a mente serea nos momentos difíciles’, sentencia moi pertinente para a época actual. Na nosa etapa no hemiciclo do Pazo do Hórreo, tivemos ocasión de asistir a discursos e intervencións de todo tipo, algunhas de grande nivel e outras absolutamente pedestres, cando non paifocas. O capítulo das humorísticas e rexoubeiras, daría para encher un libro de anécdotas moi propio para escachar coa risa.

Vén isto a conto porque hai uns dias, no transcurso dun debate na Deputación Permanente do Parlamento Galego, perante a enxurrada de ataques dialécticos dos grupos da oposición, o portavoz do PP lembrou que o actual goberno acababa de revalidar a confianza do povo galego, e nun ton irónico, moi distante do que antes evocamos, afirmou que o seu partido non botaba «drogas no cola-cao dos galegos para que lle voten ao PP». Ben que está, que din algúns enxebres, mais a cuestión rechamante é a previsible inspiración da frase, que intentou pasar por ocorrente e enxeñosa, pero que que a moitos dos lectores dos xornais que a recolleron, aparte de tomala por unha estulticia, tróuxolles ao maxin unhas atrabiliarias e burdas declaracións, moi espalladas por internet, dun anónimo cidadán que contratou os servizos de duas meretrices, que lle baleiraron a carteira logo de quedarse dormido, e segundo explicaba nunha curiosa xiria, xustamente porque lle botaran droga no cola-cao, referencia esta claramente indiciaria do numen inspirador da frase do voceiro parlamentar aludido.

Certo que nos usos da oratoria parlamentar pode entrar praticamente todo, mesmo as intervencións máis duras e ríspetas, xusto no límite das boas maneiras e usos propios, pero requiren comedimento, enxeño e, sobre todo, elegancia. Serva de exemplo xa que exhumamos o caso relatado, aquela coñecida anécdota de Winston Churchill na Cámara dos Comúns. Nunha ocasión foi interrunpido, repetidamente, por unha teimosa deputada opositora que lle espetou que se ela fose a sua muller, servirialle un café logo de verter nel un veleno, frase que, sen inmutarse, foi respostada polo primeiro ministro asegurandolle que, se el fose o seu home, beberia ese café.

Por suposto que o uso da metonimia é un recurso literario moi socorrido e atinado, pero a alusión á marca comercial concreta, e non ao produto, semella moi pouco pertinente ou axeitado. Até os ‘chascarrillos’ poden servir, pero cómpre elexilos moi ben, ou adovialos con graza.

Comentarios