miércoles. 12.08.2020 |
El tiempo
miércoles. 12.08.2020
El tiempo

Tristram Shandy e o terror

Grazas ao magnífico sistema educativo español, os alumnos de Bacharelato, aínda os da rama de Humanidades, van saír do instituto sen ter nin idea de Literatura Universal...

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

GRAZAS AO magnífico sistema educativo español, os alumnos de Bacharelato, aínda os da rama de Humanidades, van saír do instituto sen ter nin idea de Literatura Universal, xa que a materia vaise eliminar do currículo nos vindeiros cursos. Porén, a perda é menor do que parece: as posibilidades de ter idea de cultura universal estudando en España eran mínimas de todos os xeitos.

Por exemplo, un alumno que non se interese especialmente nin escoitará falar da Vida e opinións do cabaleiro Tristram Shandy, acurtada habitualmente como O ‘Tristram Shandy por aqueles que a adoramos. O argumento baséase nunha estrutura de caixas chinesas ás que lles falta sempre un lado, co cal todos os relatos quedan emasculados —coma algún protagonista—. É o cumio da parodia inglesa e atopámola como referente de todo tipo de libros.

Lembrei esta semana a magna ópera de Laurence Sterne ao enfrontarme a El gran miedo de James Harris, supostamente unha reinterpretación provocadora do terror de Stalin entre 1936 e 1938, que provocou —segundo as cifras más seguras, aínda que ningún modo incuestionábeis— uns 750.000 executados. En realidade, o progreso da lectura recordoume á miña lectura do Tristram Shandy, xa que pasaban as páxinas e o teórico tema non aparecía por ningunha parte.

Como non se trata dun libro moi groso —260 páxinas contando notas—, ao pasar a metade xa me decatei de que se trataba dun erro de expectativas provocado tanto por algún historiador que o recomendaba —Fontana, neste caso— e pola mesma cuberta, cunha sinopse que levaba á confusión. En realidade non debía lelo como unha análise do Terror Vermello senón do proceso e as causas da violencia na Revolución Rusa e o réxime comunista de 1917 até a Segunda Guerra Mundial.

Baixo este novo presuposto si atopei un libro de gran valor, aínda que de proposta discutíbel. Os estudos sobre os crimes comunistas teñen un claro referente hai décadas, que non é outro que Robert Conquest, autor entre outras da monumental El Gran Terror, que na edición inglesa que eu teño vén recomendada nada menos que por Milovan Djilas, líder comunista iugoslavo.

Conquest, finado agora hai case que dous anos, sostiña que o Terror fora a culminación da loita de Stalin por facerse co control total do Partido e, polo tanto, do estado soviético. Segundo Harris, esta tese resulta incompatíbel cos feitos e ten a vantaxe de culpar a unha soa persoa de todo o sucedido, o que é tan sinxelo coma irreal. El recolle o argumento proposto nos 80 por outro historiador, Arch Getty: o estado soviético abaneaba dende a década dos 20, vía conspiración por todas partes e isto conduciu a unha paranoia colectiva nas altas esferas e levou aos asasinatos indiscriminados.

El gran miedo constrúese coma unha exposición das causas e documentos que sosteñen a tese da ameaza e a tolemia. É un libro sólido, sinxelo de ler e ben documentado. Non obstante, eu como lector de Conquest non podo evitar tomar partido por el. Penso que malia que os documentos dean parte da razón a Harris, non podemos desbotar as pescudas sobre a natureza do mal feitas por Ron Rosembaum no seu imprescindíbel Explicar a Hitler. En gobernos tiránicos deste tipo, decote os verdugos —coma o caso de Nikolai Yezhov— non precisan instruccións nin razóns: actúan segundo o seu xuízo da vontade do líder, inferida a través dos seus discursos e avalada pola tolerancia aos primeiros crimes, que leva a unha escalada imparábel. A natureza do mal adopta moitas formas e da man de Harris atopamos algunhas delas nunha terríbel descrición dun dos períodos máis escuros da historia da humanidade.

Tristram Shandy e o terror
Comentarios