Tristes noticias de agosto

Para quen siga con atención a actualidade diaria e para quen consulte de xeito ocasional a prensa ou dedique o seu lecer a escoitar por uns minutos o telexornal, o mes de agosto ofrece unha actividade alternativa que ben seguro nos fará sorrir nalgún momento e que pode mesmo chegar a crear adicción. Refírome ás noticias singulares coas que os responsables dos medios enchen o devalo informativo propio destas datas. A medio camiño entre a noticia e a reportaxe, estas novas achégannos acontecementos insólitos ou triviais que quedarían fóra da edición nun período non vacacional. Aniversarios de persoas lonxevas, oficios desaparecidos, animais deformes e ‘hobbies’ insólitos contribúen a encher un catálogo de rarezas que substitúen as noticias cotiás e que axudan a crear un clima de distensión no que a actualidade semella quedar relegada a un segundo plano.

Os diarios, boletíns e telexornais do verán, especialmente os do mes de agosto, acollen por  veces escenificacións políticas que, por romperen a tónica da intranscendencia, constitúen verdadeiros golpes de efecto. Polo demais, a información énchese de páxinas deportivas, de seguimentos metereolóxicos, litorais e circulatorios e daquelas outras noticias que baten coa súa crueza na modorra do verán. Son as catástrofes naturais, os atentados ou os accidentes, como o terríbel deste mércores en Barajas, que nos devolven dunha labazada á realidade máis crúa.

As preguizas do mes de agosto e a alteración das rutinas non conseguiron tampouco este ano desterrar das redaccións dos informativos as noticias tráxicas da violencia machista. Unha semana máis lemos e escoitamos a triste ladaíña: asasinada á mans da súa parella, vítima de malos tratos, incumprimento da orde de afastamento, consternación entre a veciñanza. A ladaíña vergoñenta dunha sociedade que cambia a denuncia pola exhibición da súa impotencia, a voz polo silencio, o illamento ao agresor pola mirada cara a outro lado e, nos casos máis graves, o cumprimento da lei pola pasividade.

As noticias coñecidas estes días demostran unha vez máis a insuficiencia das medidas que se foron adoptando para loitar contra o que eufemisticamente se denomina violencia de xénero. Ao cumprimento escrupuloso da lei e á prioridade da atención ás mulleres maltratadas debe sumarse un labor de educación e de concienciación social que parta do recoñecemento —interiorizado e non unicamente verbalizado— da igualdade entre a muller e o home. Ás medidas de vixilancia e apoio postas en marcha debe sumarse un movemento cidadán que, máis alá de bandeiras, entoe un nunca máis pola tráxica marea de violencia que nos asolaga semana tras semana. Tamén esta, de noticias tan tristes.

Comentarios