Tres mulleres

HERMINIA, Estoa, Teresa Losada, Ascensión Concheiro, as tres colleron polo carreiro das estrelas este verán que aínda non rematou. O que segue non pretende ser unha necrolóxica ou unha elexía, senón un sinxelo recordo para agradecer as súas vidas, singulares e plenas.

Herminia Estoa Bouso, lucense de Riotorto, era monxa da Compañía de María na que ingresara nos seus anos mozos despois de facer estudos na Universidade de Santiago, a aprender Xeografía e galeguismo con Otero Pedraio e trabar amizade coas grandes figuras das nosas letras de posguerra. Desenvolveu o seu labor como ensinante en diversos centros da orde, traballou cos emigrantes en Bélxica, coincidiu con Moncho Valcárcel, o cura das Encrobas, na parroquia das Pontes, serviu a colectivos marxinais en Vigo, e finou en Compostela o 31 de xullo. Tres adxectivos: feminista, galeguista e cristiá, non abondan para reflectir unha existencia entregada ao próximo desde unha óptica liberadora. Na historia da igrexa galega máis activa, con máis dun nome de muller, o de Herminia ten un lugar sobranceiro. Quen isto asina, se tivese que definila nun simple sintagma, escribiría: ‘Herminia ou o entusiasmo’.

Teresa Losada Campo, lucense tamén e monxa das ‘Hermanas Franciscanas Misioneras de María’, doutora en Árabe-Islam, foi profesora na Universidade Autónoma de Barcelona até que decidiu abandonar a docencia para dedicarse plenamente á integración dos inmigrantes chegados do Magreb. Para isto fundou en 1974 a Casa da Cultura, en árabe e coa nosa grafía, BaytAl-Thaqafa. Esta entidade, na que traballa tamén a Orden Hospitalaria de San Juan de Dios, atende ao ano máis de 4000 persoas ás que asesora en materia legal, imparte cursos de formación para o emprego, idiomas e talleres de igualdade. Dicir que en 2002 se lle concedeu a cruz de Sant Jordi e en 2012 o memorial Cassià Just, nada engade á vida da que é considerada un referente no diálogo entre o Cristianismo e o Islam. María Teresa endexamais pretendeu que as persoas ás que atendía mudasen de relixión, simplemente deu axuda e testemuño.

Ascensión Concheiro, Chonchiña, foi a viúva do doutor Francisco Comesaña, o protagonista do libro de Manuel Rivas, ‘O lapis do carpinteiro’, polo que coñecemos a súa fermosa historia de amor. Definíase a si mesma como comunista e cristiá. Finou en México, cumpridos e celebrados os cen anos, a onde regresara en 2011 tras a morte do seu fillo, o violinista Francisco Javier Comesaña. Alí vivira antes un longo exilio até que, morto Franco, regresara a Tui onde falecería o seu home en 1997. Dela, no recordo, os ollos do azul máis intenso onde non cabía o rancor e si a memoria.

Comentarios