sábado. 14.12.2019 |
El tiempo
sábado. 14.12.2019
El tiempo

Tráxico aniversario

Un xornal recórdanos estes días o tráxico vinte aniversario do primeiro naufraxio dunha patera nas costas españolas. Mal podemos saber se isto é exacto ou non xa que, tal e como recoñece o Ministerio do Interior, non existen cifras oficiais.

Tal e como conta a cabeceira, o 1 de novembro de 1988 un caiuco afundía na costa de Tarifa deitando sobre o xabre once cadáveres, ademais doutros sete desaparecidos e cinco superviventes. Foi só unha das doas dun rosario que, segundo a Asociación pro Dereitos Humanos de Andalucía, entregou xa máis de 18.000 mortos nas ribeiras andaluzas e canarias durante as últimas dúas décadas. As cifras, outra vez, son ficticias.

Quen sabe cantos corpos africanos enguliu o océano nestes anos. Quen sabe cantos soños, cantos proxectos de futuro, cantas esperanzas. Porque as ondas do mar mastigaron a pel moura de quen se atreveu a aspirar a vivir mellor. O drama migratorio en España é terrible non só polo descoñecemento da súa dimensión real senón porque, recoñezámolo, dicimos 18.000 falecidos pero ben poderiamos dicir vinte mil ou trinta mil porque ignoramos cantas pateras saíron neste tempo e tamén cantos ocupantes levaban. Porque non hai nada máis dramático que a indiferenza.

Tráxico aniversario
Comentarios