Traxe de gala

A MAIORÍA da xente xa esqueceu os moitos postos que ocupou Paco Vázquez, porque todos quedaron escurecidos por ese eterno bastón de mando na Coruña (preto de vinte e cinco anos, toda unha vida!). Finalmente, a modo de retiro dourado, foi nomeado embaixador no Vaticano, un cargo polo que viña suspirando desde tempo atrás. Efectivamente, despois da dureza da política local a súa entrada no pazo romano da Praza de España foi emocionante para un home tan católico como el e amante da boa vida. Porque alí respírase un sosego transcendente; malia que o Vaticano está lonxe de ser unha comunidade de espíritos puros, eles saben capear os temporais cunha calculada suavidade clerical, aderezada cunha dose de ‘finezza’ italiana. Nese ambiente, Paco Vázquez soubo como ninguén que a Igrexa fora limando todo tipo de asperezas co laicista Zapatero mentres el asistía piadosamente ás misas das súas eminencias reverendísimas aos que despois servía estupendos ‘bocatti di cardinali’ na súa residencia oficial. Mesmo este caserón romano tivo a sorte de que o político galego pasara por alí, xa que o edificio sufría un abandono de séculos ata que Vázquez botou man da súa nutrida axenda, e foi parar ao mellor porto: Amancio Ortega aportou nada menos que millón e medio de euros para a restauración. Velaí como Paco Vázquez, un novato na profesión, un auténtico paracaidista na embaixada, bordou o seu papel; mesmo chegou a un equilibrio diplomático sen precedentes: ser tan fiel ao papado como ao goberno que servía. Os funcionarios de carreira teñen enormes receos ante o nomeamento de políticos para as embaixadas. Pero, isto ocorre en todo o mundo, nomeadamente nos Estados Unidos, onde case semella un delito de simonía que os postos máis cobizados son sempre para millonarios que teñen sido xenerosos co presidente de turno durante a campaña electoral. Dise que hai que aportar sobre dous millóns de dólares para ser considerado para postos como Londres, París ou mesmo Madrid. Estes nomeamentos teñen unha aparente lóxica; estes homes (e algunha muller) que triunfaron na vida e fixeron triunfar a todo un candidato á Casa Branca, teñen que ser por forza uns excelentes xestores. Ou non, que diría Rajoy. Efectivamente hai excepcións; por exemplo as flamantes embaixadoras americanas en Bahamas e Luxemburgo veñen de ser cesadas por incompetentes e abandono nas súas funcións. Seguro que estas millonarias iankis perderon interese polo posto en canto chegaron ás respectivas capitais (ambas máis pequenas que Vigo) e viron que non ían gozar da pompa de entregar as cartas credenciais en Buckingham Palace.

REBULIR

Paco Vázquez soubo como ninguén que a Igrexa fora limando todo tipo de asperezas co laicista Zapatero mentres el asistía piadosamente ás misas

Comentarios