Tratamento Ludovico

Quen teña visto ‘A laranxa mecánica’, célebre película de Stanley Kubrick, recordará o ‘tratamento Ludovico’, un programa ideado para eliminar a agresividade do protagonista, Álex, líder dunha banda xuvenil que vive por e para o sexo e a violencia. Tras cometer un crime e ser condenado a catorce anos de prisión, acepta, despois de dous anos na cadea, someterse á terapia experimental que fará del un ser mesmo incapaz de reaccionar ante as agresións de que é obxecto. A técnica, de evidente filiación condutista, consiste en obrigalo a contemplar, coa cabeza e os ollos inmobilizados, escenas de películas extremadamente violentas. Tampouco non volverá tocar unha muller espida nin será quen de escoitar a sinfonía que máis lle gusta, a Novena de Beethoven, que é a banda dunha das películas.

Estes días pasados lembrei o filme de 1972, baseado nunha novela de Anthony Burgess que, como moitas das obras de ficción, resultou profética. Porque, quen nolo diría a aquela altura!, no mundo actual sucede algo semellante aínda que os efectos non sexan os mesmos. Agora o máis probábel é que a persoa máis pacífica se volva violenta ou, cando menos, acabe dando berros. Chamen ao teléfono de atención ao cliente da principal compañía telefónica e comprobarán o que digo. Mentres se dedican a mandar a un «del coro al caño y del caño al coro», faranlles escoitar unha canción insoportábel entre reiterados «permanezca a la espera». Eu pido ser atendida en galego; pero iso aínda ralentiza máis as cousas e acabas cedendo para escoitar moitas veces inintelixíbeis mensaxes que, sospeitas, veñen de alén do Atlántico.

Levo máis dunha semana intentando aclarar a situación do meu internet móbil —asocialo ao fixo para acollerme a unha oferta dirixida aos que temos tarifa plana na casa—. Botei, contabilizadas por reloxo, once horas nunha tenda do ramo desde onde intentaron, sen éxito, solucionarme o problema. Chamei aos números que me indicaron. Resultado: a musiquiña de marras e o corte da comunicación cando non sabían que me responder, que foi sempre, porque me fixeron xirar como unha nora remitíndome varias veces ao mesmo departamento. Así que, como sospeitei que a miña saúde mental estaba en serio perigo, decidín aparcar a xestión por uns días. É certamente paradoxal que non sexa posíbel comunicarse cunha compañía que ten a súa razón de ser na comunicación. Mais, se cadra, non tanto. Unha multinacional dese calibre ten que saber como e por que, ou para que, fai as cousas así. Seguramente o que interesa é deixarnos sen azos para que traguemos o que nos boten. O tratamento Ludovico para os pacíficos usuarios que, por riba, non temos a sorte de que nos alienen coa Novena Sinfonía de Beethoven.

Comentarios