viernes. 03.07.2020 |
El tiempo
viernes. 03.07.2020
El tiempo

Trasnos

COAS NOVAS tecnoloxias un ten acceso a infinidade de información e, por suposto, a periodística calquer que sexa o xornal que apeteza. Con todo, e ainda frecuentando os xornais dixitais, as nosas preferencias endireitanse á edición en papel e mais ainda se lle facemos cadrar coa hora do café. En tal situación, nas zonas arraianas existen locais que dispoñen de periódicos da comunidade veciña, afortunadamente. Como sucede con outros moitos a veces aparecen titulares e novas que chaman a nosa atención e tamén as de outras xentes próximas ou non. Á nosa beira, en ocasión recente, alguén se amilagraba de que existise un concello co nome de Gozón, o que lle dou a oportunidade de espallarse teorizando sobre as diversas posibilidades de tan suxerente topónimo. Pero por derriba de todo requeriu a súa atención, e con el a de todos, un titular tirado dunhas declaracións: "El sábado a las siete es el momento de catar". Realmente non estaba moi claro que esa circunstancia impedise aos parroquianos asistir á misa, que era o que se explicaba a seguir. Alguén se interesou por ver directamente a ortografia por se a referencia aludia ao sultanato do mesmo nome, pero resultou que non había erro nen cazapo: naquela zona chámaselle catar a muxir.

A anécdota levounos aos erros, cada vez menos frecuentes na prensa, pero que ainda abondan. Comecemos por nós mesmos: hai unhas semanas trabucamos o ano da revolta provincialista de 1846, ou sexa a do coronel Solis e Faraldo, e situámola dous anos despois, isto é na revolta xeral europea de carácter liberal e antiabsolutista. 

Cando os obradoiros de imprensa compoñian á caixa, ou sexa con caracteres móbiles, tais dislates eran abondosos e moitos deles graciosos. As linotipias trouxeron grandes novidades e vantaxes, pero ainda asi houbo verdadeiras alfaias, algunhas  moi paveras como por exemplo trocar os pés das fotos. Outras podian resultar perigosas sobre todo durante o rexime franquista. Ás veces o simple cambio dunha soa letra alteraba todo o texto como sucedeu con aquela sonada transcripción dunha lápida mortuoria que comezaba por "Aquí yacen los venerables huesos...". A substitución na última palabra do fonema fricativo, alveolar, xordo, 'S' polo bilabial, oclusivo sonoro 'V', resultou fatal. E isto condúcenos aos erros deliberados: durante moito tempo e por parte de varios historiadores, relatouse que a xunta de defensa nacional nomeou a Franco xefe do Goberno do Estado español, pero antes de que o texto se compuxera na imprensa, un motorista  chegou coa rectificación correspondente, engadindo un i grego e trocando radicalmente o resultado: 'Jefe del Gobierno y del Estado español'. Parece ser que non foi asi e, de feito no Boletin Oficial do dia 30 de setembro de 1936 aparece claramente no artículo 1º: 'Se nombra jefe del Gobierno del Estado español...'. Pero, ao cabo, as subtilezas serviron de pouco e o resultado final foi o mesmo.

Trasnos
Comentarios