Transparencia ou strip-tease?

AÍNDA QUE GANAS non me faltan, non vou encher este artigo de refráns e citas bíblicas. Seguramente empezaría polo de «quen a ferro mata, a ferro morre». Continuaría co que di: «coa vara con que mides serás medido». E aínda non remataría ao escribir: «quen estea limpo de culpa, que tire a primeira pedra». Mais non o vou facer porque xa a realidade se encarga de recordarnos estas verdades.

Pediría, iso si, que as calumnias e a maledicencias fosen igual de delito en campaña electoral que o resto do ano. Digo isto porque, polo que parece, a maioría dos xuíces lexitímanas nas súas sentenzas como cousas propias deses períodos.

Tamén avogaría por que se considerase prevaricación, ou cando menos fraude electoral, a propaganda enganosa, é dicir, as mentiras conscientes e as falsas promesas con que algúns políticos tentan captar votos. En todo caso, como non sei Dereito, talvez erre na cualificación que convén a este delito que, polo que eu sospeito, está por tipificar. Non me parece suficiente que xa se pague nas urnas, entre outras razóns porque non sempre acontece iso.

Entendo que por aí debe comezar a transparencia dos homes e mulleres que se dedican á cousa pública. Doutro xeito todo é enlamar o campo para que, á fin do partido, aparezan todos emporcados por igual. O prezo é a desafección pola política e os políticos e, daquela, o terreo achaiado para calquera barbaridade.

Porén, transparencia non é strip-tease. Cómpre un organismo de control para evitar o enriquecemento ilexítimo dos que manexan os intereses do pobo, mais non me parece nada atinado que se someta á curiosidade pública a súa situación económica, entre outras cousas porque non vale para moito.

Quen careza de ética pode ensaiar mil e unha maneiras de ocultar os seus bens e declarar só unha parte. Do viaxeiras que son algunhas fortunas temos abondosas mostras nestes últimos tempos. Quen declare a verdade, se esta evidenciar un alto nivel financeiro, estará exposto en maior medida a roubos, extorsións e mesmo secuestros. Quen declare pouco, pasará por mentireiro unhas veces ou por desbaldidor outras; mais é seguro que moi poucos considerarán a posibilidade de que se trate dunha persoa xenerosa, sempre disposta a compartir.

Ademais de non valer para moito como xa dixen, paréceme unha humillación, algo así como aquela á que someteron os samnitas aos romanos na Batalla das Forcas Caudinas. Non os fixeron quedar emporrancho antes de dobrarse para pasar baixo das lanzas, mais si unicamente cunha túnica.

Comentarios