Tradición e verbena únense en Meira

O programa de actos está repleto de actuacións musicais, sen esquecer a tradicional malla, que pechará as celebracións
Segadores de Meira
photo_camera Segadores de Meira

As tradicionais festas do 15 de agosto de Meira volverán a facer bailar a todos os que ata a vila se acheguen. Durante cinco días, a diversión será ininterrompida, cun programa que desborda música e tradición, encarnada na Xira campestre e na Malla.

Pódese dicir que a conta atrás xa comezou, pois o pasado día 6 a asociación de Amigos da Malla de Meira segaron o trigo á vella usanza, un traballo previo ao colofón do día 21.

As patronais propiamente ditas comezarán o vindeiro sábado 13, coa festa da cervexa, do viño Ribeiro e cunha gran pancetada, todo amenizado por Marcos Magan e Jorge Oubel, da discoteca móbil Eme Music.

O segundo día de festexos consistirá nunha verbena na que grupo Lecer e orquestra Ciclón porán o ritmo, mentres que o día forte, o luns 15, a sesión vermú correrá a cargo de Ritmo Noche, que estarán acompañados á noite por Élite.

O martes 16, Trébol encargarase da sesión vermú, e uniranse Los Supremos para poñer o broche na verbena. Xa para rematar por todo o alto, o Porto da Pena acollerá o 17 unha nova edición da Xira campestre, que estará amenizada por Jony de Luarca.

A Malla celebrará con esta edición as súas vodas de prata. Será o día 21 cando a Praza Maior volva a acoller un evento catalogado de Interese Turístico de Galicia e que non deixa de sumar adeptos cada ano.

Comentarios