Traballo e festa colectiva

Os catro rapaces, cos pais e as nais no adro da igrexa de Distriz (Foto: C. Pérez)
photo_camera Os catro rapaces, cos pais e as nais no adro da igrexa de Distriz (Foto: C. Pérez)

Son tempos de individualismo, de mirar cada quen para o seu e de envexar a sorte do veciño. Mais de cando en vez, hai xestos, feitos e accións que contradín esta máximas da sociedade actual, coma o acordo total ó que chegaron tres familias da parroquia vilalbesa de Distriz para celebrar conxuntamente a primeira comunión dos seus fillos e para que, efectivamente, ese día eles catro tivesen unha festa na que eles, e os seus intereses, fosen o primeiro.

Nuria Bañobre Miragaya, Áurea Gesto Santalla, ambas de nove anos, e os irmáns Jessica e Samuel García Miragaya, con dez e oito anos, foron os afortunados protagonistas desta historia de unión, que comezou a artellarse hai xa máis de dous anos, como lembra o párroco de San Martiño de Distriz, Félix Villares, más que satisfeito desta mostra de traballo colectivo dos seus fegreses.

«Esta é a mellor maneira de que os nenos gocen todos xuntos, porque se vai cada un para o seu lado non é o mesmo... eles son os protagonistas e así pásano moito mellor», apunta este crego, quen conta como «hai dous anos e medio viñeron os pais e as nais todos xuntos para falar do tema».

«Son veciños e puxéronse todos de acordo, despois de querer facela todos xuntos...» explica o presidente da asociación de veciños, José Antonio Rivas, convidado á celebración e parte implicada na mesma, quen comenta con orgullo: «A nosa é unha parroquia onde a xente se leva moi ben»

«Van todos a escola a Belesar», precisa Rivas, ademais de vivir case que porta con porta. Así, Jessica, Samuel e Áurea, son veciños do barrio das Pedreiras de Distriz, mentres que Nuria vive na Altamira, xusto ó lado.

Coa busca de restaurante foi o mesmo, os pais de Nuria, Celso e Mónica; os de Áurea, Manolo e Yuli, e os de Jessica e Samuel, Santiago e Lourdes, chegaron a un acordo e reservaron data no restaurante Montero de Goiriz, onde xuntaron o pé de 150 convidados entre parentes e amigos das tres familias.

Alí compartiron mesa e mantel e tamén una animada festa con música, na que, por suposto, non faltaron os agasallos para todos: foulares para as mulleres, descorchadores para os homes e cadros dos protagonistas para todos, iso si, para cada familia do seu. O fotógrafo non foi una excepción, o vilalbés Purriños para todos, con fotos por separado e en conxunto, para deixar constancia perdurable en imaxes dunha celebración tan especial. Que cunda o exemplo.

Comentarios