Traballadores expertos en traballo

Acto de graduación da XIV promoción de Relacións Laborais.
photo_camera Acto de graduación da XIV promoción de Relacións Laborais.

A medio camiño entre o Dereito, a Socioloxía, a Psicoloxía e a Economía, este grao amplía as competencias que xa incluía a diplomatura de Relacións Laborais. Esta é unha das carreiras que gaña ámbitos ao pasar dunha diplomatura de tres anos a un grao de catro.

traballar no ámbito das relacións laborais require dun título universitario que se pode acadar no campus de Lugo cursando o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos, herdeiro da diplomatura de Relacións Laborais que estivo en marcha dende 1995 até o 2009, cando se adaptou ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES). Este cambio ten unha importancia considerable para os titulados, xa que a súa especialidade queda ao mesmo nivel que as licenciaturas, que na súa meirande parte se convertiron en graos de catro cursos.

A maiores, a Escola oferta tamén cincoenta prazas para os antigos diplomados que queren obter o grao, polas vantaxes que pode ter para eles, como a homologación do título a nivel europeo ou o acceso a niveis superiores dentro da Administración pública. A selección para cubrilas faise en función do expediente e, desde que se puxo en marcha, «queda xente fóra», explica Mercedes Montes, directora do centro.

O título ten un «marcado carácter multidisciplinar», indica a súa xustificación, e nel converxen coñecementos relacionados co mundo do traballo pero desde distintos ámbitos: Dereito, Economía, Psicoloxía, Organización de Empresas, etcétera.

Esta área de estudo atopa moitas semellanzas con outras titulacións que se ofertan en gran parte dos países da Unión Europea. Aínda que moitas veces varía algo a denominación ou a categoría que se lle da aos estudos, o contido é moi similar. Así, en España até o de agora era unha diplomatura de tres anos, coa posibilidade tamén de cursar a licenciatura en Ciencias do Traballo; e en países como Alemaña, Bélxica, Italia, Portugal ou Reino Unido tamén existe esa dupla posibilidade.

En España, a de graduado social é unha profesión regulada -é preciso ter un título oficial para desempeñala- e os diplomados están obrigados a colexiarse. Na súa condición de técnicos en materias sociais e laborais, atribúenselle as función de asesoramento, representación e xestión, sen necesidade de apoderamento especial, nos asuntos laborais e sociais que lle encomenden o Estado, as entidades paraestatais, corporacións locais, a Seguridade Social, sindicatos, entidades, empresas ou particulares.

Neste senso, Mercedes Montes subliña que o graduado social é un experto en todo o que atinxe as relacións laborais. «Poden ser asesores tanto da parte empresarial como dos traballadores», apunta. Na súa área inclúese, por exemplo, a representación ante os tribunais en cuestións de dereito laboral, engade. O seu ámbito de traballo pode estar tanto nas áreas xurídicas e organizativas da administración empresarial privada como no sector público; nos departamentos de Recursos Humanos ou en áreas de prevención de riscos, entre outras moitas.

Según datos ofrecidos polo Consello Xeral de Colexios Profesionales de Graduados Sociaies en España, máis de 25.000 titulados ocúpanse do asesoramento do 85% da pequena e mediana empresa.

Contido

Os 240 créditos que compoñen o grao distribúense en catro cursos de 60 créditos cada un. As materias correspondentes á formación básica -Socioloxía, Psicoloxía, Historia, Dereito, Empresa, Economía, Estadística e Informática - concéntranse en primeiro e segundo curso. As materias optativas deberán cursarse en terceiro e cuarto curso. Ademais, as prácticas de empresa -doce créditos optativos- poderán realizarse indistintamente en calquera destes.

Por último, hai un traballo de fin de grao no que o estudante poderá inscribirse despois de ter superado 150 créditos de carácter obrigatorio. No traballo, os estudantes deberán demostrar que adquiriron as competencias precisas ao longo dos catro ano de estudios.

Convenios

Un aspecto importante é a introdución no mundo laboral a través das prácticas. A Escola ten firmados convenios con empresas como Ader, Manpower, Segaprel, Mapfre, Flexiplan, Mutua Gallega, Vedior Laborman, Nortempo, Mutual Cycolps, Carrefour, Fremap, El Progreso, Arenal, Adecco, Escola Galega de Formación, Sykes Enterprises Incorporated S.L., asesoría Antonia Rego e Alta Gestión ETT.S.A. Nestas, os alumnos poden poñer en práctica os coñecementos que obteñen na escola.

A adxudicación das prazas faise en función do expediente dos solicitantes. Ademais, tamén cabe a posibilidade de que o propio alumno capte a empresa na que facer as prácticas. Neste caso, preséntase un plan de traballo no centro, que é valorado pola Comisión Permanente ou Xunta de Centro e, se se aproba, o alumno pode desenvolver aí a parte práctica. En calquera das dúas vías asígnaselle un tutor aos alumnos tanto na empresa como no centro para facer o seguimento.

Persoal

A Escola de Relacións Laborais de Lugo contaba con 27 profesores no momento no que se presentou a memoria do título, no 2010. A contratación do profesorado depende da fundación Campus Universitario de Lugo, e un elevado número deles teñen dedicación parcial á docencia e unha ampla experiencia no ámbito profesional e no mundo empresarial. Ademais, moitos deles participan tamén no máster Paulo Fabio en Dirección de Recursos Humanos e no Curso de Especialista na Seguridade Social implantados no centro.

Portugués

A escola tamén puxo en marcha cursos de portugués para que os alumnos poidan acadar con máis facilidade o nivel B1 dunha lingua estranxeira, un imperativo para graduarse na Unversidade de Santiago, que esixe a todos os que están cursando titulacións adaptadas que proben este nivel nunha lingua estranxeira.

Os cursos de portugués pensáronse inicialmente para os diplomados que fan o curso ponte e que teñen un nivel baixo de inglés ou francés, segundas linguas que, en moitos caos, cursaron hai moito tempo, polo que é difícil que se acorden.

O éxito da iniciativa levou á Escola a ampliar a inscrición, tanto para os alumnos da facultade como para os que non o son.

HISTORIA

  • Unha área de estudo que nace no XX. A orixe destes estudos remóntase a 1925, cando se creou a Escola Social de Madrid. Impartíase alí un título de tres anos que tocaba a política social, económica e lexislativa, e que progresivamente se foi implantando no resto do país. Despois de varios cambios ao longo dos anos, en 1980 deron comezo os estudos de Graduado Social, con carácter de título universitario. Nos anos 90 convertiríase en Relacións Laborais, cun enfoque máis interdisciplinar e global do mundo do traballo, o que conlevou máis saídas profesionais.
  • Fundación Campus de Lugo. A fundación Campus Universitario de Lugo -da que depende a Escola- creouse no 1995, a través dun acordo entre a Cámara de Comercio, a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Deputación. Máis tarde, sumouse a Universidade de Santiago, á que está adscrita academicamente.

PERFIL

A mellor rama, Ciencias Sociais

Para acceder ao grao non se esixe unha formación previa específica, se non que está aberta a estudantes procedentes de distintas ramas do bacharelato. Aínda así, a de Ciencias Sociais é a que mellor se axusta ao título. Nos primeiros anos da titulación fortalécese a formación complementaria das diferentes traxectorias previas: en Técnicas de Investigación Social para os que veñen de Humanidades e en Historia Politíca e Social para os de Ciencias.

Cualidades

En todo caso, é recomendable que o estudante amose interés por aspectos relacionados co mundo laboral; teña boa comprensión e análise de textos; boa expresión; capacidade de síntese e argumentación; habilidade para resolver problemas e tomar decisións; disposición para traballar en equipo e responsabilidade.

Comentarios