A tormenta perfecta

ENDEXAMAIS saberemos que cousas pasan pola cabeza dun home que asasina a unha muller; mais podemos afirmar sen equivocármonos cales non lle acoden á mente obnubilada. A súa enumeración, en atinando, ben podería servir para programar os contidos dunha educación non sexista. Aínda sendo consciente de que eu non vou completar a listaxe, velaí algúns que considero oportunos:

Que naceron dunha muller, tan forte como para lles dar a vida, tan vulnerábel como a que terán diante e sobre a que acaso pretenderán descargar a súa propia debilidade. Que a fortaleza humana só medra cando se pon ao servizo da vida e as persoas.

Que ningunha muller, nin a propia, lles pertence. Os adxectivos posesivos, cando falamos de persoas, non indican posesión senón relación. A posesión de persoas é unha antiga práctica chamada escravismo e foi abolida no século XIX. Aínda fican algúns descerebrados que, á marxe da lei, a manteñen baixo o propio teito. Non saben que a falta de liberdade é contaxiosa e eles mesmos están a forxar as cadeas que os atan, porque ninguén é verdadeiramente libre entre xente presa.

Que os seres humanos somos radicalmente iguais, con independencia do xénero. Por tanto, unha muller non será máis ca un home, pero tampouco menos.

Que os problemas non se solucionan matando nin matándose; mais, no caso de sentir un impulso irreprimíbel, deben comezar pola segunda opción e así aforrarán mortes.

Que os maltratadores son trogloditas e non teñen cabida nun mundo civilizado.

Escribo, máis unha vez, sobre unha cuestión que tanta dor e bágoas produce. E tiña que facelo porque a violencia machista, ese raio que non cesa como a chamei moitas veces facendo unha mención descontextualizada de Miguel Hernández, volveu caer cerca de nós. A min dóenme especialmente as vítimas, unha antiga alumna e a súa nai.

Non lle busquemos outra explicación a estes feitos que a da tormenta perfecta. Esta non é un capricho da natureza, estala cando se dan certas condicións de presión e temperatura. Do mesmo xeito e independentemente do detonante, a violencia machista require un substrato de desprezo polas mulleres, mesmo disfrazado moitas veces de compaixón ou amor. Daquela as políticas máis eficaces son as que teñen que ver coa educación en igualdade.

Por iso -e volvo de novo a unha das miñas teimas- non teñen perdón os que lanzaron os seus dardos envelenados contra a ‘Educación para a cidadanía’. Seica sobraba porque era adoutrinamento falarlle ao alumnado destas cousas. Xustifícanse invocando os contidos trasversais que, como é ben sabido, impártense ou non.

María José, Adela, descansade en paz. Non esqueceremos.

Comentarios