Tópicos

Fuxir dos tópicos é difícil nestas datas. Eu adoro o Nadal e dígoo sen complexos. Gústanme as enchentes familiares, as visitas, as chamadas, os sms, os agasallos, as panxoliñas, as comidas cos compañeiros de cursos ou de traballo, as felicitacións, as bromas, os viños para brindar polas festas, as caras de ilusión dos cativos...

Tamén me gusta andar a rabiar a quen odia estas festas. A fin de contas, o que verdadeiramente nos importa é sentir que formamos parte do pensamento de alguén. Non sentirnos sos. O resto son simples papeis de celofán que envolven o noso temor á soidade, non a física senón a outra, a que máis doe.

Marilar Aleixandre lémbranos en A cabeza da Medusa que “Somos bichos sociais. Cada un de nós pensa os seus propios pensamentos, máis os conceptos compartímolos cos nosos semellantes. Esta frase (a segunda, naturalmente) do filósofo contemporáneo Stephen Toulmin ficou gravada nalgunha prega do cerebro de Sofía (...)

É difícil, imposible, vivir soa. Preciso encontrar acougo nunha tribo. Mais, ¿cal é a miña tribo? ¿Teño que pensar coas nocións que a tribo destilou?” Quizais formar parte da tribo non significa compartilo todo, tan só sentir que formas parte de algo ou de alguén. Como o Nadal.

Comentarios