Tómame ou déixame

O NOVO ANO vén cheo de incertezas no asunto catalán. Tal e como están hoxe as cousas, a postura de Artur Mas ven a ser a de pedir que o electorado se pronuncie libremente sobre a cuestión da independencia; pura democracia. Pola contra, Rajoy xa ten dito que porá todo o seu esforzo e capacidade de mando para impedilo. Visto desde fora, semella que o catalán vai gañando no terreo da imaxe. Porén, os apoios internacionais dos nacionalistas son escasos polo momento. Entre outras cousas, porque poucos países teñen regulado o dereito dunha parte do seu territorio a separarse. Isto non quere dicir que tal feito sexa impensable ou imposible, e calquera que estea afeito a ver mapas históricos verá que cada poucas décadas as liñas fronteirizas mudan. Unhas veces por mor das guerras, como no caso de Iugoslavia, pero outras pola vía pacífica, como sucedeu en Checoslovaquia.

Un caso singular dentro de Europa dáse en Suíza, en primeiro lugar polo feito de ser un estado multinacional, con nada menos que catro linguas oficiais, e moitas máis de uso familiar, que conviven de xeito tan harmónico que teñen chegado a ser o país máis próspero e estable do continente. O milagre leva apelido federal, xa que Suíza está constituída por vinte e seis cantóns (algúns reciben tamén o título de ‘república’), cada un con un, dous e ata tres idiomas, así como proporcións variables de católicos e protestantes. Outra peculiaridade do sistema e o da democracia directa. Isto quere dicir que, aparte de elixir un parlamento, os suízos acoden periodicamente ás urnas para decidir sobre calquera tema sempre que se reúnan firmas suficientes; cando fala a xente os políticos calan e acatan. En estas circunstancias, o debate territorial está sempre enriba da mesa; por exemplo, en 1833 o cantón de Basilea dividiuse en dous semi-cantóns (un urbano e outro rural) e, máis preto no tempo, en 1979, a rexión de Xura escindiuse de Berna, tamén por referendo popular. Claro que neste caso, algúns municipios que votaron en contra quedaron formando parte do antigo cantón, porque o concepto de libre determinación enténdese relativo ao cidadán.

Pola contra, resulta curioso que tanto Rajoy como Mas coinciden en que ese dereito é do territorio. Por ese motivo o presidente español di que prevalece a unidade nacional, mentres que os nacionalistas nin soñan con deixar fora da nación catalana a Barcelona, aínda que se dera o caso de que nese referendo se manifestara a favor de seguir dentro de España. Cada un entende a democracia como máis lle convén, por iso o problema vai máis aló de contar votos.

Comentarios