Tolleitos e paraísos

Hai días que dubidas, chega alguén e hai que levarlle a contraria. A sociedade está organizada cos contrapesos e o teatro debería ser un deles, o que evite a caída libre cara á vida inhumana. Pero ves as galas e volves dubidar.

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

DUBIDO QUE se poida celebrar o asunto teatral sen facer un pouco de teatro. Pero chegan as galas e saio de dúbidas. Logo, lembro un chiste vello que chegou a académico e fago paráfrase resignada: non se pode estar a galas e a teatro ao mesmo tempo. Os María Casares acabaron repartidos para case todo o mundo menos para Raclette e foron máis elegantes de fondo que de forma. Máis elegantes no sentido da madurez, porque había moita xente cumprindo 30 anos e houbo chamadas ao entendemento interxeracional, exhortacións ao talento escénico, leccións de teoría ao conselleiro sentado no palco e o canto entre melancólico e canso da vida en furgoneta.

No escénico, os premios do teatro galego deixáronse ir ao humor porque non hai outra. Sen matices, coa autoparodia que esixe a celebración familiar lembrando que esa é unha profesión de rir para fóra e chorar para dentro. Non sempre, hai veces que tamén choran para fóra.

As galas son como o baloncesto e o que importa é o resultado. E que o empate está mal visto. E o gañador deste ano foi O tolleito de Inishmaan, con cinco premios, seguido de Eroski Paraíso con catro. Como os espectadores de galas somos moi repunantes habería que dicir que a diferenza en número queda compensada con que a obra de Chévere levou o premio a mellor espectáculo e case poderíamos falar dun empate teórico.

No empate como licencia poética quedan retratadas dúas decisións do teatro galego. Habería que dicir: dúas decisións de madurez do teatro galego. Dúas maneiras de facer teatro que poden ser entendidas como complementarias. Hai algo en común entre elas. Algo común a unha parte ampla do teatro galego: a intención de construír un retrato do país no que se fai ese teatro. No caso das dúas obras máis premiadas desde procedementos contrarios. O tolleito é un retrato de galegos sen galegos. É a obra dun irlandés, pero os espellos non se retratan a si mesmos. Eroski Paraíso está tomado do natural, explicitado o seu referente, localizado no mapa. Que unha atenda a unhas convencións e outra faga por moverse fóra delas só quere dicir que, sexa da maneira que sexa, a historia que se quere contar é a mesma: a historia que nos explique, que nos diga como chegamos ata aquí e por que. A historia da retranca e da ironía, da emigración, dos caramelos importados e de follar nos cemiterios. Unha historia que aceptar como nosa, para os espectadores, para as actrices, para os actores, para os que cumpren o convenio, para quen o incumpre por necesidade ou por miseria, para dramaturgos, directores, programadores, para os concelleiros, para os conselleiros, primos, tíos e demais familia. Para alentar aos novos e respectar aos vellos. Porque o tempo pasa e ninguén pode discutir o premio a Patricia de Lorenzo. E logo volverá o presentador e, xa se tal, fará un monólogo.

Comentarios