A tolemia dun gañador

En abril deste ano, xusto antes da carreira de Estoril, Jorge Lorenzo e Marco Simoncelli discutiran diante dos xornalistas na rolda de prensa previa ao GP de Portugal. Lorenzo
recrimináralle o seu estilo arriscado de pilotar, poñendo en perigo a outros pilotos.
Lembro o final daquel cara a cara. “Se me volve pasar algo contigo no futuro será un problema”, espetoulle Lorenzo.

Simoncelli, amolado ante a ameaza do entón campión de Moto GP díxolle: “De acordo, serei arrestado”. Lembro que os presentes naquela rolda de prensa riron a resposta de Simoncelli pero Lorenzo non riu e espetoulle o que moitos xa daquela pensaban: “Todo o mundo ri con esta pregunta, pero non é gracioso, porque estamos xogando coas nosas vidas”.

Cousas do destino, aquel aviso de Lorenzo non calmou as ansias dun irreverente Simoncelli. Un neno grande que se facía indomable enriba dunha moto, un rapaz talentoso incapaz de saciar o seu afán gañador, incapaz de controlar algúns códigos éticos que os propios pilotos manexan nas carreiras.

Marco tiña dúas caras. Afable e carismático de portas para fóra, agresivo e ás veces kamikaze
enriba da moto. Ese xeito de ir ao límite era o que facía que levantara paixóns; con amigos e inimigos a partes iguais. Entre os pilotos españois non caía excesivamente ben.

Un mes despois daquela liorta con Lorenzo, en Le Mans, Pedrosa fracturaba a clavícula dereita tras sufrir unha caída por culpa de Marco. O catalán gañáralle a posición pero Súper Sic cerráballe a traxectoria e provocaba o accidente de Dani. Pedrosa, pouco amigo de levantar
a voz, decidiu non entrar na disputa, aínda que lle retirou o saúdo por un tempo.

Ao igual que aconteceu con grandes mitos como James Dean ou Jim Morrison, Marco Simoncelli viviu ao límite e morreu novo, moi novo. Todos os seus excesos, a diferenza dos exemplos citados, atopábanse cando poñía o casco para competir. Aí Simoncelli  transformábase, sentíase un semideus, e aí atopou a morte. Unha morte tráxica, cruel e que chegou logo doutra acción irracional do italiano.

Tras esvarar na viraxe, o normal sería que Marco saíse despedido pola inercia da moto. Non foi así, decidiu agarrarse a ela e noutra tolemia, cruzou a pista de esquerda a dereita totalmente deitado. Non quería perder o control e acabou perdendo a vida. Foi a tolemia suprema dun gañador. Italia xa ten outro mito. O motociclismo, outro heroe no ceo.

Comentarios