Todo sobre o torno

Curso de iniciación ó torno, en Xermade (Foto: C.Pérez)
photo_camera Curso de iniciación ó torno, en Xermade (Foto: C.Pérez)

Os artesáns Vicente Ledo e Fernando Vérez, impulsores do Encontro de Torneiros de Xermade para «recuperar, documentar e dar a coñecer» o mundo do torno veñen desenvolvendo, paralelamente a esta cita, un importante labor docente na Fraga de Cazás, onde organizan ó ano preto dunha decena de cursos de iniciación ou perfeccionamento ó redor desta arte.

«Nós ofrecemos orientación», explica Ledo, ó tempo que recomenda o asesoramento previo antes de dar ningún paso, coma comprar material, para aqueles intersados en aprender a tornear. Nesta situación atópanse os catro alumnos -o máximo son seis, para garantir unha atención personalizada- que asistiron esta fin de semana a un curso de iniciación no que fixeron pezas con distintas madeiras, verdes e secas, empregando diversa ferramenta.

Entre os alumnos, variada motivación ou procedencia,aínda que todos coinciden no interese que lles esperta aprender a traballar a madeira. O lugués Jonathan, o máis novo, acudiu animado por seu pai e «para probar algo novo», porque nunca antes se achegara a un torno nin tiña nocións sobre o seu funcionamento.

A única muller presente, Montse, vive rodeada de madeira, pois traballa no obradoiro de instrumentos musicais tradicionais en Outeiro de Rei. «Traballamos moito coa madeira, polo que quero aprender as técnicas para aplicalas no traballo», explica, mentres lle dá forma a unha peza.

Os outros alumnos, Vicente, de Ortigueira, e Florencio, de Sada, encaixan máis no perfil que dá Vicente Ledo sobre os participantes destes cursos: «É máis raro ter xente nova ou mulleres, en xeral apúntanse persoas con tempo libre, como xubilados ou prexubilados» aínda que, precisa, eles procuran captar a todo aquel no que detectan un interese.

«Apunteime para ter algo con que entreterme na casa», explica o Vicente, quen practicamente naceu nunha carpintería, pero nunca probara co torno. «Hai que practicar», asegura, máis que disposto a apuntarse a outro curso.

A curiosidade foi o que levou a Florencio a dedicarlle 16 horas da súa vida á tornear. «É moi interesante, pero require moita práctica... parece incrible o que se pode facer» apunta, disposto a pór o seu gran de area para conservar unha arte «que non se pode perder».

Comentarios