Todo listo para As Quendas

A primeira festa do ano chega fiel á súa cita a fin de semana do 29 de abril ao 1 de maio ►As actividades culturais e a música únense á tradición para encher de xente Mondoñedo
Feira de gando, nas Quendas do ano pasado
photo_camera Feira de gando, nas Quendas do ano pasado

Como cada ano, cando a primavera vai adiantada e se achega o verán, volven empezar as citas festivas no calendario. E como cada ano, fano coas Quendas de Mondoñedo, unha festa para a que xa está todo máis que preparado. Serán tres días de actividades -na fin de semana do 29 de abril ao 1 de maio- nos que os actos culturais e musicais se mezclarán cos máis tradicionais.

O pregón, este ano a cargo do escritor e músico galego César Morán Fraga, será o encargado de abrir oficialmente a cita, o día 29. Un día no que a verbena correrá a cargo da orquesta La Nueva Phila.

O sábado será a quenda do prato forte deste ano: o concerto de Mikel Erentxun, previsto para as dez da noite no auditorio. O cantautor traerá a Mondoñedo o seu último traballo, ‘A corazón abierto’, un álbum gravado en directo, en acústico e solitario. As entradas xa están á venda en Abanca a un prezo de 14 euros, catro menos do que costarán o mesmo día na taquilla.

Para ese mismo día está programada a terceira ruta a cabalo dende o Campo da Feira. O prezo para participar son 20 euros e inclúe o almorzo e o xantar. As persoas que se queiran anotar aínda están a tempo ata o día 28 nos teléfonos 639.02.11.30 e 664.35.27.33. Na mesma xornada desenvolveranse dúas actividades culturais: a primeira edición da expo-libro Mondoñedo, na praza Jaime Cabot, e Debuxando Mondoñedo, na que varios artistas pintarán en distintos recunchos da cidade.

Xa pola noite, a verbena será con Salsarena e Montreal.

O domingo será o día da feira de gando, na que poderán verse os primeiros exemplares de gando cabalar despois do inverno. É este o día no que a tradición pesa máis, xa que á feira súmaselle o mercado de produtos do campo galego e a Festa da Empanada, con venda na Alameda e degustación nos locais de hostalaría. Tamén nesta xornada é o recital Mondoñedo é poesía.

Ademais o sábado e o domingo haberá degustacións de carne de poldro e non faltará a música tradicional.

Comentarios